Site icon Crónica3.com A Mariña

Begoña Sanjurjo destaca a importancia de ofrecer actividades infantís e xuvenís para axudar ás familias na conciliación

 Ribadeo, a 15 de agosto de 2020. A concelleira do Grupo Municipal Popular, Begoña Sanjurjo, participou este venres nunha visita ao campamento xuvenil da Devesa xunto á directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cristina Pichel, co obxectivo de comprobar a implantación das medidas de prevención fronte á covid-19 e tamén para inspeccionar as obras de mellora realizadas nas instalacións antes do comezo das quendas de acampada. “As outras obras previstas levaranse a cabo despois do verán”, comentou a popular.

Sanjurjo sinalou que “é moi importante a traxectoria deste campamento no acollemento de actividades xuvenís ligados ás actividades no mar e de aventura. Como non podía ser doutra maneira, constatamos que as actividades de tempo libre sufriron adaptacións en relación ao número de persoas por tenda, no uso do comedor, dos baños e no desenvolvemento das actividades, ademais da organización en xeral”. Aínda así, “é moi importante que a rapazada siga dispoñendo de actividades e, por suposto, sempre atendendo á normativa sanitaria. Segundo trasladaron os monitores, a inmensa maioría dos nenos e nenas están concienciados coas normas, seguen as indicacións e, sobre todo, desfrutan das actividades preparadas ao igual que en anos anteriores”, manifesta.

Begoña Sanjurjo destacou o compromiso da Xunta coas actividades infantís ao adaptalas ás actuais circunstancias para mantelas en funcionamento e contribuír á conciliación das familias. Pola contra, sinalou que “o equipo de goberno local esqueceuse dos nenos e nenas ribadenses e, polo tanto, das familias. En vez de adaptar actividades optou por suspendelas, que é moito máis fácil. En Ribadeo dende marzo non hai ningún tipo de campamento, obradoiro, ou escola deportiva”. Así, engade que “despois dun confinamento longo habería que gastar un tempo en deseñar unha nova programación para a rapazada, pero escudado na normativa sanitaria o equipo de goberno decidiu aforrar os cartos e non buscar alternativas”, lamenta.

Desde o PP ribadense consideran que as actividades para os máis cativos da casa son imprescindibles para eles mesmos; pero tamén para axudar ás súas familias na conciliación. “Un concello como Ribadeo non pode deixar de lado a este sector da poboación”, remarca.

Exit mobile version