“Veño a Chantada a dar as grazas, porque a provincia de Lugo tivo un resultado moi bo; por primeira vez fomos o primeiro resultado de Galicia e niso ten moito ver un gran líder”. Destacou a importancia simbólica de Chantada para o PP de Lugo, porque “é a alcaldía máis grande que temos na provincia”.
Candia fixo un chamamento a xestionar este éxito electoral “para traballar para as seguintes eleccións e especialmente naqueles sitios nos que estamos na oposición”. Como deputada, dixo, “teño que facer oír a voz da provincia no Parlamento; esa será a miña responsabilidade e póñome a vosa disposición”. Expresou a súa total disposición como presidenta provincial do partido e como deputada “para construír xuntos e para falar das cousas do partido, de proxectos e de investimentos”. É preciso, dixo, traballar xuntos porque “ vén un momento moi complicado, hai moitos negocios que teñen neste momento un futuro moi incerto, coa economía baixando en porcentaxes brutais”. No plano político, destacou que, a pesar da dificultade do momento, “a oposición non da tregua”. Considera que “é o momento de sumar e de axudar no que se poida”.
Unha vez máis, recordou que desde que asumiu a presidencia provincial, o seu obxectivo é conseguir que o PP de Lugo “sexa un partido vivo, no que a xente opine; este tipo de reunións sempre veñen ben, porque hai moito do que falar e eu sempre estou a vosa disposición”. Candia fixo un recoñecemento explícito “á xente de base” do partido”.
Candia dixo: “Creo neste proxecto político e creo en Feijóo, senón nunca deixaría a alcaldía por acompañalo nunha lista; institucionalmente nunca fallou e seguramente nunha época tan difícil o único bo que temos é o privilexio de que a xestiona unha persoa coa súa altura de miras e da súa responsabilidade”. Por iso, dixo, “Galicia é o sitio no que se mira toda España, porque temos un gran líder e grazas á xente coma vosoutros”.
Polo seu lado, o alcalde, Manuel Lorenzo Varela, explicou que a reunión inicialmente estaba prevista para entre 40 e 50 persoas, pero finalmente, á vista da situación dos rebrotes da covid-19, fíxose máis reducida. Manifestou: “O resultado conseguido en Galicia é un exemplo para todo o país. Alberto Núñez Feijóo fixo cousas extraordinarias e na provincia de Lugo unha cousa extraordinaria foi elixir a Elena Candia como cabeza de lista. Foi un fito conseguir nove deputados na provincia de Lugo”. Indicou que, desde o seu punto de vista, “estas eleccións quen as gañou foi Alberto Núñez Feijóo; todos axudamos, pero senón fora el o candidato non se gañaban así estas eleccións. Foi un éxito tremendo, que oxalá se repita noutros sitios”.