Site icon Crónica3.com A Mariña

Castiñeira cre que “a Deputación non está lexitimada para dar leccións á Xunta sobre o apoio aos concellos para a prevención de incendios”

 Lugo, a 5 de agosto de 2020. O voceiro do Grupo Provincial do PP, Javier Castiñeira, asegura que “a Deputación de Lugo non está lexitimada para dar leccións á Xunta sobre o seu apoio aos concellos de cara á prevención de incendios forestais”. Incide o popular en que “é o Goberno provincial o que tiña abandonado ata agora aos concellos da nosa provincia nesta materia”.

Tralo anuncio por parte da área de Medio Rural da primeira convocatoria dun programa dotado de 60.000 euros para o mantemento de faixas secundarias de biomasa, Castiñeira sinala que “a Xunta achega 50 veces máis que a Deputación aos concellos lucenses en materia de prevención de incendios forestais. Só a través dos convenios directos cos Concellos, o Executivo autonómico dirixe nesta anualidade á nosa provincia un total de 3 millóns de euros para financiar a contratación de 400 traballadores que constitúen as brigadas municipais”, explica.

O voceiro popular considera que “dentro das súas competencias de apoio aos pequenos concellos, o desenvolvemento deste ou outro tipo de programas por parte da institución provincial son positivos”; pero lamenta que “cando se acorda de colaborar na loita contra os lumes, o faga cunha cantidade manifestamente insuficiente” ao ter repartir 60.000 euros entre os 67 concellos da provincia.

Por outra banda, Castiñeira considera “curioso” que sexa unha concelleira de Ribadeo a que critique á Xunta cando “precisamente o goberno local ribadense ten renunciado ao apoio do Goberno galego para a contratación de brigadas municipais”.

Exit mobile version