Site icon Crónica3.com A Mariña

Cristina, undécima peza das Guerreiras

Burela, 8 de agosto, 2020. A pivote Cristina Pérez convértese na undécima peza das Guerreiras para 2020-21. A continuidade da murciana, con contrato ata 2022, súmase ás de Bea Mateos, Dany, Lara Balseiro, Ale de Paz e Jenny, ademais das chegadas da meta Sandra Buzón e a universal Elena Aragón desde Leganés, con Jozi, Peque e Cami, con contrato en vigor.

Para Cristina esta será a terceira tempada de laranxa. Logo dunha dura lesión de xeonllo en 2018-19, a xogadora regresou ás pistas o pasado mes de decembro cunha excelente resposta e converteuse ademais nunha das protagonistas dos momentos máis duros da pandemia, poñendo a súa formación como enfermeira ao servizo do sistema sanitario madrileño. A 5 burelista reincorporouse á dinánima do equipo para disputar e celebrar o título de liga en xuño e agora só pensa en poder seguir medrando, co ronsel gañador: “Creo que o equipo ten que seguir na mesma liña. O ano pasado gañamos todos os títulos que disputamos e ese é o camiño que queremos seguir”.

Coma toda a escuadra, Cristina non ve a hora de volver sentir todo o que rodea a competición, cun gran reto por diante: “Este ano vai ser unha tempada atípica, con moita carga de partidos. Haberá que enfocar a tempada para chegar ben a momentos clave xa que teremos moitos títulos en xogo. E o reto será gañalo todo; este equipo está feito para iso”.

“Aínda que sexa unha tempada rara intentaremos facer gozar á nosa afección e traer títulos a Burela. Sabemos que aínda que non poidan acompañarnos no pavillón nos estarán apoiando” aseguraba a 5 mariñá botando a vista atrás e recordando esa experiencia vivida xa co Martín Carpena de Málaga sen público, en pugna polo título de liga, aínda que con infinidade de mensaxes de apoio da sempre incondicional afección laranxa.

Exit mobile version