Site icon Crónica3.com A Mariña

Ecoloxistas en Acción Galiza e Petón do Lobo solicitaron paralizar a monteria do lobo deste domingo en Xove

 A Mariña, 29 de agosto, 2020. As escopetas suman máis cós criterios científicos na matanza do lobo, autorizada pola Xunta de Galicia para mañá domingo, no municipio de Xove.

A Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, que xestiona Belén do Campo e o departamento da conselleira de Medio Ambiente Ángeles Vázquez, guíanse por criterios populistas e apártanse dos informes técnicos, para autorizar a cacería do lobo na xornada deste domingo en Xove.

Así a Dirección Xeral de Patrimonio Natural autoriza a cacería, actuando en contra dos criterios científicos e dos informes técnicos do propio servizo de Patrimonio Natural, que constata a ausencia total de medidas preventivas, pese a que os danos lévanse producindo dende hai máis dun ano.

A responsable da conservación do patrimonio natural, a directora Belén do Campo contradí ademais o Plan de Xestión do Lobo, segundo o cal Xove atópase na Zona 3, establecendo como criterios necesarios para autorizar a caza do lobo a existencia de medidas de prevención; e en todo caso, o encargado de abater un exemplar sería o persoal da Consellería, nunca cazadores.

O 7 de agosto de 2019 e de novo o 18 de xuño deste 2020, as entidades ambientais Rebinxe e Grupo Lobo Galicia informan por rexistro nun informe científico-técnico da situación do grupo familiar de lobos establecido dende hai tempo na zona, advertindo ademais da desprotección das reses de gando menor e recomendando unha serie de medidas preventivas sinxelas e de baixo custo para implementar de urxencia e facilitar así a coexistencia co lobo.

Se ben se entende o dano que produce aos propietarios dos animais, sen embargo a administración debe velar polos intereses xerais, garantindo a conservación da especie e ao mesmo tempo dotando de axudas e información aos gandeiros/as da zona. Non obstante, a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia responde coa indiferencia e o silencio como resposta. Débelle de parecer que as escopetas suman máis cós criterios científicos.

Ecoloxistas en Acción Galiza e Petón do Lobo xa solicitaron tanto ao Seprona como a Fiscalía de Medio Ambiente de Lugo e á propia Consellería a suspensión inmediata da matanza prevista. Iniciativa á que se están sumar as distintas organizacións ecoloxistas e ambientais.

Exit mobile version