Site icon Crónica3.com A Mariña

En Burela hai media ducia de positivos neste momento. Alfredo Llano animá á cidadanía a non baixar a garda para poder equilibrar a seguridade sanitaria coa socioeconómica

 Burela, 12 de agosto de 2020. O alcalde, Alfredo Llano, declarou que quedan arredor de media ducia de casos positivos de Covid-19 e poucos contactos estreitos de seguimento nos seus domicilios en Burela. O rexedor aposta por non baixar a garda para poder equilibrar a seguridade sanitaria coa socioeconómica.
Alfredo Llano referiuse á vídeo xuntanza mantida esta mañá coas autoridades sanitarias: “evidentemente todas as reunións coas autoridades sanitarias son moi boas para constatar o que está ocorrendo co brote que viñemos atendendo desde o pasado mes de xuño. Hoxe confirmamos que a tendencia dese brote na Mariña é moi positiva, vai practicamente desaparecendo, quedan algúns casos puntuais e en Burela estamos nos 6 ou 7 positivos, pero son persoas que están gardando a súa corentena e que se irán dando de alta en datas próximas”.
O alcalde subliñou que “hai moi pouca xente en seguimento. Chegamos a ter no peor momento arredor de mil persoas en seguimento e agora está practicamente desaparecido”.
O rexedor burelés considera que “fixemos un traballo extraordinario na Mariña e aquí en Burela, onde estivemos doce días máis confinados que no resto da Mariña. A xente respectou as normas e corresponsabilizouse de todo o que se dicía para frear o brote e a cadea de contaxios. Iso penso que nos deu agora motivos para ter confianza e tamén dala á xente que ven de fora. Creo que con esta experiencia A Mariña, e concretamente Burela, saíu gañando e iso é bo”.
Alfredo Llano dixo que “hai que continuar con esa tendencia e insistir nesas medidas que creo que son moi positivas para que equilibremos a seguridade sanitaria coa socioeconómica, de tal maneira que no seu equilibrio poidamos convivir de forma indefinida e practicar unha vida normalizada dentro do ámbito que se permite. Espero que sexa bo para todo o mundo tanto no ámbito social como no económico e tamén no sanitario”.
O alcalde tamén aludiu á situación na que seguirá o ocio nocturno na comarca: “prorrógase no ocio nocturno unha semana máis o aforo do cincuenta por cen. O brote está desaparecendo, pero considérase que hai que ter moito coidado con certas actuacións e en certos ambientes e hai que evitar por encima de todo que existan facilidades para os contaxios. Polo tanto penso que imos ben, que ese brote, que comezou sobre o 22 e 23 de xuño nos deu moito que facer, pero esa aprendizaxe vaise traducir en algo positivo. Así que quero animar á xente a que siga tendo esa responsabilidade e ese comportamento que sempre é bo para o conxunto da poboación”.

Exit mobile version