Site icon Crónica3.com A Mariña

Jenny tamén reafirma o seu compromiso coas campioas

 Burela, 6 de agosto, 2020. A lusa Jennifer Santos Rodrigues tamén reafirmou o seu compromiso coa Familia Laranxa. A ala cumprirá o seu cuarto exercicio no Pescados Rubén sendo a quinta renovación das campioas de liga.

“Esta nova tempada vai ser diferente pola situación do Covid, pero espero que as cousas melloren e que non haxa máis interrupcións” confesaba así Jenny os seu desexos para a nova campaña, que arrinca coa competición regular en tan só un mes, o 5 de setembro. Logo dos recoñecementos médicos en Maas+Saúde e as visitas á Clínica David Mariña desta semana, a 9 burelista volve con moitas ganas para estrear a pretempada en Vista Alegre, o vindeiro luns: “Pasáronseme voando estas vacacións. Parece que foi onte cando rematamos a liga, pero gocei moito e recarguei pilas”, explicaba a autora do tanto da vitoria en Málaga fronte a Alcorcón (3-2) que outorgou o terceiro título de liga na historia das Guerreiras Laranxas.

Como leitmotiv da filosofía laranxa, a xogadora portuguesa comeza esta nova etapa sen teito nas súas metas: “O noso obxectivo é gañar todos os títulos nos que compitamos, que as lesións nos respecten e que poidamos gozar ao máximo” advertía Jenny, cun aceno especial para a Bancada Laranxa: “A de Burela é a mellor afección de España; sempre nos achega un plus, é imposible non botala de menos. Oxalá nos poidan acompañar axiña”.

Exit mobile version