Site icon Crónica3.com A Mariña

María Loureiro desexa unhas boas festas neste verán excepcional sen Naseiro

 Viveiro, 21 de agosto, 2020. Hoxe, como cada ano, teriamos que comezar coas celebracións da Romaxe do Bo Xantar no val do Naseiro, saboreando a nosa gastronomía nun ambiente festivo e cheo de ledicia.

Como tod@s sabedes, este verán non é un verán máis, e a crise sanitaria do coronavirus obríganos a tomar medidas e decisións para preservar a saúde e a seguridade da veciñanza.

Hoxe non podemos celebrar o día do Pulpo como sempre facemos e Naseiro non será un poboado con milleiros de romeiros, pero espero que pasedes unha boa fin de semana coas vosas familias.

Pola coincidencia de San Roque en domingo, o luns, 24 de agosto, será festivo local, polo que vos desexo uns días de ledicia e saúde en compañía dos vosos seres queridos.

A Romaría do Naseiro, declarada Festa de Interese Turístico Nacional en 1967 e considerada como unha das máis grandes e de maior tradición de Galicia, volverá con forza, e quero aproveitar estas liñas para agradecer o apoio e a colaboración en todo momento da comisión organizadora. Sen o seu traballo non sería posible celebrar esta festividade, que forma parte do noso acervo cultural.

A situación sanitaria a día de hoxe é boa en Viveiro, xa que as autoridades dan por controlado o gromo da Mariña, pero é fundamental extremar as precaucións para reducir o risco de novos contaxios.

Grazas a tod@s! Bo Xantar e Saúde!

María Loureiro García, alcaldesa de Viveiro

Exit mobile version