Site icon Crónica3.com A Mariña

O abandono da depuradora das Quintas provoca a contaminación periódica do areal de Rueta, cos peores valores de toda Galiza, denuncia o BNG

 Cervo, 21 de agosto de 2020. O pasado 12 de agosto, o areal de Rueta ofreceu os peores datos de toda Galiza no control microbiolóxico das augas de zonas de baño realizado pola Consellaría de Sanidade. A concentración de bacterias Escherichia Coli e enterococo intestinal acadou valores elevadísimos, que supuxeron a declaración de areal afectado por contaminación microbiolóxica e a recomendación oficial de non bañarse, o pasado 17 de agosto, cinco días despois da analítica, a Xefatura Territorial de Sanidade en Lugo instaba ao concello a advertir no propio a real da situación non apta para o baño.
Sen embargo, o goberno municipal ocultou estes datos e, na súa tónica habitual, non tomou ningunha medida ao respecto. A praia permaneceu aberta sen advertencia ningunha para os usuarios.
Abandono da depuradora do río Xunco
Diego Fernández e Xorxe Caldeiro, concelleiros nacionalistas explicaron que “a contaminación de Rueta repítese periodicamente debido á pésima, por inexistente, xestión da depuradora de augas residuais das Quintas”. “Non se lle fan os labores de mantemento necesarios para o seu bo funcionamento nin se intentan resolver os problemas estruturais que arrastra desde a súa instalación”, afirmou Fernández. Cando chove, a depuradora non ten capacidade para tratar as augas procedentes dos pluviais e actívase automáticamente o mecanismo que libera a auga sen depurar directamente ao río Xunco. Durante os seguintes días, Rueta permanece contaminada. “Así leva pasando desde hai moito anos sen que desde o goberno do Concello se pensase acometer ningunha reforma ou orzamentar labores de mantemento e xestión ordinarias”, denunciaron desde o BNG cervense.
Praias mal coidadas, falta de socorristas, e baños públicos pechados a pesar das axudas públicas recibidas mediante convenios que non se cumpren.
O problema da indiferenza do goberno municipal non se reduce á praia de Rueta. O resto de areais do concello tamén sofren a falta de interese do PP. Máis aló de comunicados de autobombo, O Torno, A Caosa, Cubelas… carecen da atención mínima necesaria nestes tempos de verán: ausencia de servizos, carencia de socorristas, accesos sen limpar, etc.
O goberno local recibiu unha axuda da Consellería da Presidencia e Administracións Públicas mediante convenio asinado coa alcaldía co fin de: mellorar a limpeza de areais antes e durante a tempada estival con maquinaria para un periodo de 4 meses, limpeza diaria de aseos durante catro meses, sinalizacions, ou gastos correntes de socorristas por un importe total de 26.000 euros. Os concelleiros nacionalistas denuncian que “a limpeza mecánica das praias so se fixo no inicio da campaña estival, os baños dos areais da Caosa, Cubelas e O Torno estiveron pechados todo o verán, e únicamente éste último foi aberto ao público o 2 de agosto pasado”. “E evidente que nen as axudas excepcionais son capaces de sacar da inmobilidade e o pasotismo ao alcalde e ao seu goberno”, afirmaron dende o BNG.

Xestión propagandística do entorno natural e da defensa da natureza
Tanto esta situación como outras moitas relativas á xestión ambiental e defensa e mellora do entorno natural no concello de Cervo foron defendidas e reclamadas polo grupo municipal do BNG nos distintos plenos e con varias iniciativas. “O Concello vive no desleixo e abandono, e as cuestións ambientais non teñen distinto trato que o resto: a inacción é a política de Villares”, afirmou Diego Fernández que “acusou a ao alcalde de intentar disimular esta inmobilidade con propaganda estéril e palabras baleiras”. “A iniciativa estrela do PP en Cervo en canto a política ambiental é a creación dunha páxina de Facebook que fácilmente poderíamos encher de camiños e pistas sen rozar, praias abandonadas e contaminadas, saneamentos que non funcionan, pistas e estradas públicas destrozadas pola actividade forestal ou fontes públicas abandoadas”, concluiron Diego Fernández e Xorxe Caldeiro.

Exit mobile version