Site icon Crónica3.com A Mariña

O Alcalde de Cervo emite un bando sobre as recomendacións na fin de semana na que se ía celebrar a Maruxaina

 Cervo, a 5 de agosto de 2020. RECOMENDACIÓNS E INFORMACIÓN PARA OS DÍAS 7 E 8 DE AGOSTO

D. Alfonso Villares Bermúdez, alcalde do Concello de Cervo,
INFORMO,

A causa da situación sanitaria provocada polo COVID-19 a segunda fin de semana de agosto non se celebrará a Festa da Maruxaina – aprazada ata o 2021, se as condicións sanitarias o permiten -; nin está previsto ningún acto ou actividade ao redor desta festividade nin por parte do Concello de Cervo, nin da asociación Anxuela, que se encarga da súa organización.

Informamos que eses días extremarase a vixilancia nos espazos públicos (praias, parques, prazas…) para evitar que se incumpran as normativas de seguridade do COVID-19.

Para evitar aglomeracións o Concello non permitirá durante estes dous días a instalación de mesas, cadeiras e/ou toldos nos espazos públicos (praias, parques, prazas…) a fin de garantir a seguridade da cidadanía e evitar a propagación do virus.

Recordamos que na orde publicada no DOG Núm. 143 do 18 de xullo de 2020 –a día de hoxe en vigor- prohibíase expresamente o consumo de bebidas alcohólicas na vía pública, parques, praias e outros lugares de tránsito público:

Trinta e oito. Engádese un número 3.43 no anexo coa seguinte redacción:
“3.43. Consumo de bebidas alcohólicas na vía pública, parques e prazas públicas e outros lugares de tránsito público.
Sen prexuízo das prohibicións específicas que, de ser o caso, recollan as correspondentes ordenanzas municipais, queda expresamente prohibido o consumo de bebidas alcohólicas na vía pública, parques e prazas públicas e noutros lugares de tránsito público, mediante a actividade coñecida habitualmente como “botellón”, polos riscos que presenta para a saúde pública, relacionados coa aglomeración incontrolada de persoas e coa ausencia ou relaxación de medidas de seguridade e de distanciamento persoal.

Polo ben de toda a cidadanía, sigamos durante estas xornadas, tal e como vimos facendo todos ata agora, as recomendacións sanitarias, respectando o uso obrigatorio das máscaras e a distancia social en todo momento; tanto nas zonas públicas, como nos establecementos comerciais e na hostalería local; tendo en conta que neses espazos hai que cumprir as normativa sanitaria vixente en materia de aforo, distancia e hixiene; facendo especial fincapé nestes dous días a fin de evitar aglomeracións.

Se respectamos as recomendacións das autoridades sanitarias entre todos conseguiremos recuperar a normalidade máis pronto que tarde para poder volver desfrutar da Festa da Maruxaina como ata o de agora, en familia e entre amigos.

O alcalde

Alfonso Villares Bermúdez

Exit mobile version