Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Burela solicita información clara ó goberno local sobre a ocioteca

 Burela, 11 de agosto, 2020. O pasado pleno ordinario no Concello de Burela do 30 de Xullo non tiña un contido nin extenso nin proveitoso para o conxunto da veciñanza, polo que dende o grupo municipal do BNG levaron, como adoitan, as inquedanzas e demandas que as veciñas e os veciños lles fixeron chegar.
Unha das preocupacións da que deron conta foi o inicio do servizo de ocioteca, xunto cos cursos do CIM. Para o voceiro do BNG Mario Pillado “podemos entender que ante preguntas sobre un número considerable de decretos sobre relacións de facturas o alcalde nos emprace a facelas polo rexistro, como vimos de facer, pero cando preguntamos sobre o servizo de ocioteca e os cursos do CIM, o señor Llano contestounos sobre os cursos pero obviou dar información sobre a ocioteca. Ós poucos días coñecemos que comezara o servizo. Parécenos pouco claro que non se nos contestara nese intre cando xa se tiña que ter, cando menos, parte da información. Por iso agora rexistramos de forma electrónica a solicitude de información sobre o servizo”
En concreto, Pillado indicou que “solicitamos o expediente de contratación da empresa que presta o servizo, o proceso de selección dos usuarios e se existen usuarios en lista de agarda e os protocolos Covid19 para este servizo, na liña do que solicitamos directamente no pleno”

No BNG agardan ter resposta en tempo e forma ao solicitado.

Para o voceiro nacionalista “trátase dunha información que o equipo de goberno debe ter á man, polo que agardamos que sexa facilitada en tempo e forma, posto que o servizo xa comezou tanto o expediente de contratación como o proceso de selección de usuarios e o protocolo deben estar accesibles”
Por outra banda, con respecto ós decretos con facturas reparadas por intervención e co reparo levantado pola alcaldía, “tamén entendemos que ten que ter unha explicación clara, posto que unha vez analizados os decretos semella un proceder do mais usual nos últimos tempos. En caso contrario, coma no caso da ocioteca, se non atopamos resposta, sería do mais preocupante, este equipo de goberno poría de manifesto unha vez mais a mala xestión coa que están levando asuntos de gran interese para a veciñanza” finalizou o voceiro do BNG, Mario Pillado

Exit mobile version