Ao goberno municipal pídeselle honestidade, responsabilidade e feitos; non escusas peregrinas e falsedades.
Diego Fernández e Xorxe Caldeiro pediron ao goberno municipal que aclare cando foron colocadas as advertencias sobre a contaminación do areal: na data na que se fixo a analítica (12 de agosto) ou o día 17 que chegou ao Concello a notificación da Delegación Territorial da Consellaría de Sanidade en Lugo advertindo da contaminación do areal? Aos concelleiros nacionalistas interésalles saber “onde puxo o goberno municipal as advertencias, xa que ninguén as viu, nin na marxe dereita da desembocadura nin na esquerda, polo que piden ao goberno municipal máis honestidade e responsabilidade coa xente e o medio natural”.
A formación nacionalista tamén recalcou que “non valen as escusas diante da nefasta xestión da depuradora das Quintas que, como se acaba de ver, pon en perigo a saúde das persoas e tamén do Río Covo con verteduras de augas fecais case continuas no seu caudal.” “Esiximos solucións e non escusas, igual que as leva esixindo a veciñanza ao goberno municipal desde fai moito tempo sen éxito”, afirmou o portavoz nacionalista, Diego Fernández. Chama a atención, continuou Fernández, “que as redes sociais do Concello, e a recén estreada páxina dedicada ao medio ambiente, non se aproveitaran para lanzar avisos sobre a situación, xa que esta é a súa función e non servir de voceiro das campañas políticas do alcalde e o seu partido”.
O PP na Xunta e no Concello son un perigo para a xente e o medio natural
O BNG cervense considerou que a Delegación Territorial da Xunta, dirixida por outro cervense, José Manuel Balseiro, “deberá dar explicacións sobre a espera da notificación formal entre o día 12, no que se tomaron as mostras de auga, e o día 17 ás 10 da mañá que foi comunicada por fax ao Concello; curiosamente un día despois de que outras analíticas no areal deran resultados óptimos para o seu uso”. Para os concelleiros nacionalistas “esa marxe de cinco días na comunicación dunha incidencia deste tipo e inaceptábel” e supón unha irresponsabilidade grave, xa que durante este tempo foron moitas as persoas, locais e visitantes, que fixeron uso da praia en condicións non aptas para o baño.