Site icon Crónica3.com A Mariña

O Campus Terra da USC achega formación ao sector gandeiro cun curso en xestión técnica e económica de explotacións leiteiras

 Lugo, venres 14 de agosto de 2020. O Campus Terra da USC achega formación ao sector gandeiro coa oferta dun curso gratuíto e de carácter semipresencial sobre xestión técnica e económica de explotacións leiteiras. Esta actividade, promovida pola USC xunto coa Deputación Provincial de Lugo ao abeiro da posta en marcha da Granxa do Campus Terra, unha explotación de vacún de leite con fins docentes e investigadores que botará a andar en breve en Castro de Rei, estrutúrase en dúas sesións presencias, que se desenvolverán os días 21 e 31 de agosto na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo, ademais doutras 5 horas de formación en liña.

A inscrición no curso, que será impartido polo asesor agrogandeiro Xan Pouliquen e para o que se ofrecen 60 prazas, permanece aberta ata o mércores 19 no enderezo de correo electrónico pedrofiz.rocha@usc.es. A asignación de prazas será por orde de solicitude, ao tempo que tamén se valorará o feito de que as persoas solicitantes participaran na enquisa sobre o impacto da COVID-19 realizada o pasado mes de maio. As persoas interesadas tamén poden obter máis información a través do número de telefono 630 526 850.

A USC fai visible a través deste módulo formativo sobre xestión técnico económica de explotacións leiteiras o seu apoio a sector produtivo, ao tempo que pretende dar resposta a unha das demandas advertidas polos gandeiros e gandeiras que tomaron parte nunha enquisa promovida polo Campus Terra da USC e a rede europea Afinet para coñecer o impacto real da COVID-19 nas explotacións leiteiras de Galicia. Os resultados obtidos nesta consulta puxeron de manifesto por parte dos produtores a demanda de formación en xestión técnico-económica das explotacións leiteiras, a fin de mellorar o manexo das distintas variables que afectan ás gandarías nun momento de incerteza como o actual e, en consecuencia, optimizar os rendementos das mesmas.

A formación incluída no curso está dirixida principalmente a gandeiras e gandeiros de leite, aínda que tamén poden participar gandeiros doutros sectores. A primeira das súas sesións presenciais contempladas celebrarase o venres 21, en quenda de 15.00 a 17.30 horas, mentres que a segunda xornada programada na EPS de Enxeñaría de Lugo terá lugar o 31 de agosto, tamén en quenda de tarde, de 14.00 a 18.00 horas.

As instalacións universitarias nas que se desenvolvan as sesións presenciais deste curso contan cos medios necesarios para garantir as medidas sanitarias fronte á COVID-19. Aínda así, as persoas inscritas deben acudir ás sesións provistos de máscara e DNI. Asemade, no caso de producirse algunha excepcionalidade relacionada coa pandemia que dificultara a convocatoria presencial, esta acción formativa desenvolveríase en liña na súa totalidade.

Exit mobile version