Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela promove a inclusión laboral de colectivos vulnerables no sector pesqueiro a través do programa Tanza

 Burela, 4 de agosto de 2020. O próximo xoves, 6 de agosto, terá lugar un encontro de dinamización de proxectos entre as entidades de inclusión social e o sector pesqueiro, no marco do proxecto Tanza, promovido polo Concello de Burela e a Confraría de Pescadores.
Carmela López, concelleira de Servizos Sociais e Mar, subliña que “o obxectivo deste proxecto é promover o emprego a través de iniciativas de colaboración entre entidades de inclusión social e o sector pesqueiro, aproveitando as potencialidades do territorio e os recursos locais xerando un modelo de economía circular”. O programa está impulsado polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro e financiado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e arranca para xerar sinerxias entre os dous ámbitos. Está coordinado polo GALP da Mariña-Ortegal e participan tamén os GALP Golfo Ártabro Norte, Golfo Ártabro Sur, Costa da Morte, Costa Sostible e Ría de Arousa.
A edil burelesa explica que “este pasado mes de xullo Tanza fondea nos municipios costeiros dos GALP tendéndolles un fío aos diferentes axentes vinculados ao mar e ao sector da inclusión para crear unha rede de contactos que bote a andar novos proxectos entre eles. Entre setembro deste ano e abril de 2021 crearán un ecosistema para o emprendemento inclusivo, aproveitando as potencialidades do territorio e da actividade vinculada ao mar. Para iso desenvolveranse actividades que fagan xurdir e consolidar iniciativas de inclusión laboral de colectivos especialmente vulnerables. Finalmente, en maio de 2021, manterase o emprego inclusivo no sector pesqueiro avogando por un modelo de economía circular”.
No proxecto Tanza participan a área de Inclusión Social a través dos centros ocupacionais, centros especiais de emprego e tecido asociativo; o sector marítimo-pesqueiro coas confrarías, asociación, empresas e outras entidades do sector; e administracións e organismos públicos.
O xornada sobre Tanza terá lugar este xoves, 6 de agosto, ás 12:00 da mañá na Confraría de Pescadores de Burela.
Presentación do programa Relevo
O alcalde de Burela e vicepresidente do GALP, Alfredo Llano, e a concelleira de Mar e Servizos Sociais, Carmela López, asistían esta mañá a presentación do programa Relevo, que se celebrou no barco museo Reina del Carmen.
Este programa pretende formar a mozos e mozas para a súa capacitación no relevo xeracional no sector pesqueiro. Levarase a cabo nos territorios dos GALP participantes que son da Mariña-Ortegal, Golfo Ártabro Norte, Golfo Ártabro Sur, Seo de Fisterra-Ría de Muros-Noia Costa Sostible e Ría de Arousa.
Relevo vai dirixido a mozos e mozas, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos, non sendo preciso que teñan experiencia previa no sector pesqueiro nin estar en posesión de ningunha titulación relacionada co mesmo. O programa formativo, que se levará a cabo entre setembro de 2020 e abril de 2021, terá unha duración de catro meses.
As persoas interesadas poden solicitar máis información na dirección de email info@relevo.org.

Exit mobile version