Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno local de Mondoñedo reivindica o arranxo urxente da N-634 para garantir o tráfico en condicións de seguridade

 Mondoñedo, 11 de agosto de 2020. O goberno local de Mondoñedo reivindica o arranxo urxente da estrada nacional N-634 ao seu paso polo termo municipal mindoniense onde presenta un firme en mal estado, con asfalto desgastado, mal pintada, mal iluminada e sen captadióptricos.
“Todas estas deficiencias dificultan a circulación de vehículos en condicións de seguridade; especialmente en días de néboa coma estes nos que, e condicións climatolóxicas practicamente idénticas que as que se dan na autovía A-8, o tráfico desta vía de alta capacidade é desviado pola N-634, unha estrada construída na década dos 90”, manifestan.
Dende o goberno local consideran que “o seu uso como desvío alternativo á autovía A-8 ao seu paso por Mondoñedo, é motivo suficiente para actuar con urxencia na reparación desta vía para poder soportar todo o tráfico en condicións de seguridade”.
Unha vella demanda para a mellora da seguridade vial
Esta petición foi trasladada o pasado verán á Subdelegada do Goberno despois de ter xa reivindicado o arranxo desta estrada en ocasións anteriores. Nese sentido, dende o Concello de Mondoñedo urxen a poñer en marcha canto antes o proxecto para a mellora da seguridade vial na N-634.
Gabinete de Comunicación

Exit mobile version