O grupo municipal popular, que ten por portavoz a Óscar Rodríguez, destaca que esta vía que dá acceso á igrexa de Covas é moi transitada. Os veciños quéixanse de que a calzada é unha sucesión de fochancas, que fai moi incómoda, e nada segura, a circulación de vehículos a motor; para os peóns resulta sumamente molesto camiñar por esta vía debido ao mal estado do pavimento. Rodríguez di: “É unha falta de respecto aos veciños que o Concello non repare o pavimento do acceso á igrexa parroquial de Covas”.
Os concelleiros populares sinalan: “Sen maior motivo para presumir de resultados electorais, como se viu nas pasadas autonómicas, á alcaldesa gústalle dicir ao noso grupo: “A ustedes se les quejan y a mí me votan”. Pois mire, se nos dan as queixas pola súa deficiente xestión é porque os veciños padecen moitos problemas que debe resolver o Concello, gobernado por María Loureiro, e non resolve. En canto á cuestión dos votos, recomendámoslle que mire ben os resultados e saque conclusións. Pero, de momento, nós facémonos eco das queixas dos veciños e reclamamos de vostede e do seu goberno que amañe o acceso á igrexa de Covas. E cando chegue o momento que decidan os propios veciños quen estivo con eles e quen gobernou contra eles”.