Site icon Crónica3.com A Mariña

“O menosprezo como único argumento”, por Javier Rodríguez Barrera

Ou son un mentiroso ou un ignorante manipulador ou un manipulador con maldade. Queda logo claro que seguimos facendo ben as cousas dende a oposición ao goberno que padecemos en Lourenzá, cando o único argumento que mostra o voceiro socialista, o veciño Manolo Arango, e co que supoño que os seus compañeiros e compañeiras estarán de acordo, é o insulto, a descualificación e ese menosprezo constante que lle mostra tanto a este voceiro coma aos seus compañeiros e compañeiras na súa lexítima e necesaria labor de oposición.
Porque se a súa intención é desprestixiarme porque molestamos, recorde que o insulto desprestixia a quen o profire. Cando unha persoa dedicada á vida política non entende que pode haber quen discrepe de como se gastan os cartos e das formas que se deben mostrar na política, demostra que está moi cerca desa ultradereita que tanto lle gusta nomear e esa da que se retroalimenta.
Este voceiro municipal nunca dixo as cifras que nomea o voceiro socialista respecto da Festa da Faba. A nota enviada á prensa e que se pode ver na páxina da facebook do Partido Popular de Lourenzá recolle un “aumento de gasto desproporcionado nas partidas referentes a actuacións e espectáculos” como a Festa da Faba e que contaban, no seu conxunto, cunha partida orzamentaria total de 56.000 euros, pero nas que o goberno local gastou 85.800 euros; o que supón un 54% máis.
Para xustificar tal despilfarro de cartos de tódolos veciños de Lourenzá conta as cousas como lle interesa, pero a realidade é tozuda: a partida orzamentaria para actuacións e outras festas no ano 2019 foi de 27.000 euros e tivo un gasto real de 47.698 euros, a partida para actividades deportivas 4.000 euros, mentres que o gasto real foi de 7.143 euros e, por último, a partida orzamentaria específica para a Festa da Faba -como ben di Arango- era de 25.000 euros e o gasto real foi de 30.966 euros. Calquera que saiba sumar, pode apreciar que o resultado da conta das partidas orzamentarias é de 56.000 euros e que, a dos gastos reais, alcanza os 85.807 euros. Os números nunca menten. Aínda que se queiran tapar, aí están.
Con estas cifras reais de 29.807 euros por riba do orzamentado; máis o que lle esqueceu comentar aos seus veciños antes das eleccións como é a subida do soldo da alcaldesa e, por se fora pouco, unha dedicación parcial moi ben remunerada para o novo tenente de alcalde que supuxo outros 16.500 euros máis por riba do orzamentado só no segundo semestre do ano 2019, temos un resultado de 46.307 euros, cerca do seu desfase orzamentario do ano 2019 que foi de 50.000 euros e non só polo Servizo de Axuda no Fogar nin debido á brigada de loita contra incendios como din vostedes para xustificar non tela pedido este ano. Debe ser que temos pleno emprego en Lourenzá.

Se quere, para que non se poña colorado coas cifras, a próxima vez aplaudímoslles no pleno e gardamos silencio ante os nosos veciños que día tras día nos esixen as explicacións que vostedes non dan. Pero ímoslles aclarar que en xuño xa ían pasados 40.000 euros na partida orzamentaria que dispuxeron para pagarlle a unha empresa privada debido á súa mala xestión e á incapacidade para organizar un servizo tan importante e básico para os nosos veciños como é o da axuda no fogar. Vostedes en vez de acurtar o gasto fixeron as subidas de soldos que perfectamente esperaban ata ao ano 2020 e celebrárono gastando en eventos varios moito máis do orzamento que, de por si, era bastante xeneroso.
Dicir que menosprezamos a Festa da Faba é un novo insulto a este grupo e tamén unha maneira de enfrontarnos aos nosos veciños. Pero saben que nos apoiarémolos sempre na celebración deste evento porque é unha festa de todo o pobo de Lourenzá, non é unha cuestión de política. Pero xa que tanto lle gusta falar do Partido Popular, recórdolle que a Festa da Faba naceu baixo o mandato de Dona Fé Rodríguez Rocha no ano 1990 e que continuou a celebrarse cos gobernos da mesma cor política. Non naceu fai cinco anos. Vidal Martínez-Sierra acadou un impulso máis no ano 2001 ao conseguir a declaración de Festa de Interese Turístico Galego. Posteriormente, esta festa seguiu con gobernos populares e agora socialistas. E seguirá cando vostedes se vaian. Polo tanto, leccións a este Grupo Municipal sobre este tema, ningunha. É máis, lembrámoslle que para facer unha boa festa non fai falta gastar o que non se ten. Traballen e bótenlle imaxinación.
Baixo a nosa humilde opinión, estamos en tempos de prepararse para o que vai vir e non para andar insultando a que ten a obriga democrática de facer un labor de control de quen ten a responsabilidade de gobernar. Quedounos claro que non hai proxecto ningún a corto prazo, nin cartos nin ideas. Esperemos que, polo menos, axuden aos nosos comerciantes na adquisición de EPIS e produtos de desinfección ante a nova realidade que nos toca afrontar. O único anuncio que fixeron ata agora é que xa temos cartel para a Festa da Faba do 2021. Parece que saben máis sobre a pandemia que nos asoballa que as propias autoridades sanitarias.
En definitiva, este grupo seguirá facendo a oposición como sabe, con educación, coa verdade sempre por diante e levando as queixas do seus veciños aos plenos e facéndoas públicas. Se non lles gusta o problema é seu. Nós debémonos aos nosos veciños, a todos por igual. Seguiremos promovendo as xuntas de voceiros intentando aportar propostas ao goberno local. E aínda que pouco caso nos fan, seguiremos adiante con toda a responsabilidade do mundo. Dedíquense a traballar e non a menosprezarnos e insultarnos. Déixenos facer o noso labor. Canto máis nos insulten, máis traballaremos. Son vostedes unha motivación para este grupo.
Como dixo Víctor Hugo, “o traballo endulza sempre a vida, pero os doces non lles gustan a todo o mundo”.

Javier Rodríguez Barrera, voceiro do Grupo Municipal do PP de Lourenzá

Exit mobile version