Para os concelleiros populares resulta moi chamativo que, habendo en Viveiro, como mínimo, media ducia de empresas especializadas en actividades de ocio, a ningunha delas, polo menos segundo a información obtida polo PP, se lle preguntara se estaría interesada en levar a cabo a citada actividade. A ningunha das que foron consultadas polos concelleiros populares se lle pediu formalmente desde o concello unha proposta de orzamento para desenvolver o campamento infantil de verán. O portavoz popular, Óscar Rodríguez, sinala: “É sorprendente que, sabendo que estas empresas de Viveiro o están pasando realmente mal, se lle encargue o traballo a unha firma que non é do municipio; que quede claro que non poño en dúbida os méritos da empresa contratada, só digo que resulta certamente sorprendente”
Para os populares, o Concello debería utilizar diferentes fórmulas para facilitar o ocio de verán dos rapaces, con todas as garantías sanitarias que esixen as actuais circunstancias. O portavoz popular sinala: “Unha fórmula usada nalgúns concellos é a do bono municipal para actividades; cada rapaz, dentro das condicións que se estipulan, pode participar nalgunha das actividades que organizan empresas especializadas”. Rodríguez di tamén: “O verdadeiro problema é que o goberno de Viveiro sigue instalado na súa zona de confort e enfronta todas as cuestións dende o lado máis cómodo, aínda que non sexa o máis interesante para as xentes de Viveiro e para as súas empresas”.