O deputado popular Óscar Poy estivo esta mañá no pazo de San Marcos para interesarse pola situación neste centro de traballo. Puido comprobar que o persoal de seguridade é o mesmo que habitualmente, salvo o traballador que deu positivo.
Poy expresou a total confianza dos membros do Grupo Popular no Servizo de Prevención da Deputación. Indicou que, no plano político, o PP considera necesario que o deseño e execución das medidas para evitar contaxios, e actuar alí onde se detecte un brote, se leve a cabo consensuadamente.
O mesmo deputado reiterou a súa confianza no Servizo de Prevención, pero recordou que a Deputación e un organismo público no que non se pode obviar a súa compoñente política. Neste sentido, apunta que, nunha conxuntura tan delicada e difícil como é a actual, non é suficiente unha chamada de teléfono desde o goberno provincial ao portavoz da oposición (PP) para abordar no plano político esta cuestión, ao fío do positivo rexistrado entre persoal que desempeña a súa función na sede da institución. Tampouco deixa de constatar Poy a casualidade de que a información dese caso se dese en venres, co tempo xusto para que durante a fin de semana se puideran levar a cabo as necesarias labores de desinfección no edificio.
Poy sinala: “O PP, como xa anunciou o noso portavoz, Javier Castiñeira, pon os 12 deputados do noso grupo para colaborar decididamente en canto sexa útil nesta crise sanitaria. Pero o goberno provincial ten que demostrar vontade de consenso e reunir aos portavoces ou convocar unha comisión na que se deseñen as medidas máis adecuadas. Polos populares non vai quedar; a pelota está no tellado do goberno PSOE-BNG”.