Site icon Crónica3.com A Mariña

Os cadros dos presidentes da Deputación durante o franquismo foron retirados dos corredores do Pazo de San Marcos

 Lugo, 14 de agosto de 2020. Esta mañá retiráronse dos corredores do Pazo de San Marcos os cadros dos presidentes da Deputación de Lugo nomeados durante a ditadura de Primo de Rivera e tras o levantamento militar do 1936 e a posterior ditadura.

O deputado de Memoria Histórica sinalou que “as institucións non poden acoller elementos de recoñecemento ao franquismo ou ás persoas que o representaron porque, argumentou,“iso contribúe a branquear e lexitimar a ditadura”.

“A transición construíse sobre unha lei de amnistía e un relato feito á medida das forzas do rexime e en contra da memoria e a dignidade das persoas represaliadas e das súas familias”, expuxo o deputado nacionalista.

“Non se trata de esquecer a historia, nin de axustar contas individual ou colectivamente, se non de visibilizar que unha sociedade democrática non pode dar o mesmo tratamento a representantes políticos dun rexime fascista que a representantes políticos elixidos democraticamente”, concluíu.

Día da Galiza Martir

O vindeiro luns 17 de agosto, coincidindo co Día da Galiza Martir, a área de Memoria Histórica celebrará un acto de lembranza e homenaxe ás persoas represaliadas polo franquismo en Sarria.

O acto comezará cunha ofrenda floral no murallón de Santa Mariña, a carón da placa que lembra ás vítimas do franquismo na comarca, ás 20:00 horas. A continuación, o historiador Rafael García Ferreira pronunciará unha conferencia baixo o título “O golpe do 36: violencia e perspectiva nacional”. A música de Raiceira acompañará a intervención.

Exit mobile version