EXPOÑEMOS:
Que o mercado semanal de Burela foi reubicado polo Concello na zona de Torrentes o pasado 15 de maio, unha vez recuperada a actividade nos mercados durante o estado de alarma debido á pandemia do coronavirus.
Naquel mesmo momento os comerciantes manifestamos a nosa desconformidade e, incluso, algún negámonos a instalar os nosos postos por non considerar que esta fose a ubicación máis axeitada para o mercado ao tratarse dunha zona separada do centro do pobo, nunha zona pouco transitada e en pendente que dificulta a asistencia dos veciños.
Se continúa neste lugar, verémonos obrigados a non volver porque é inviable, as vendas son moi reducidas a pesar de estar aínda en pleno verán.
Xa lle temos trasladado verbalmente ao alcalde a nosa petición para a búsqueda dunha ubicación alternativa que salve o mercado de Burela, pero non mostrou ningunha vontade para tratar de chegar a algún acordo sobre a celebración do mercado noutro lugar máis axeitado tanto para os comerciantes coma para os veciños de Burela.
Por todo o anteriormente exposto,
SOLICITAMOS:
Unha reunión co alcalde de Burela para abordar o establecemento dunha ubicación alternativa á zona de Torrentes para o mercado semanal dos venres.