Site icon Crónica3.com A Mariña

Nova convocatoria do Musiqueando, que dará pulo á musica tradicional e á actividade cultural da provincia

 Lugo, 7 de agosto. O programa Musiqueando 2020, aprobado este vernes en Xunta de Goberno, incorpora novidades para adaptar a convocatoria ás necesidades de concellos e asociacións, e para seguir sostendo a actividade cultural e formativa que se desenvolve arredor da música.

O programa, que pretende difundir a música tradicional e potenciar as festas populares, artéllase coa mesma dinámica doutros anos. A partir da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOPA), os grupos tradicionais, corais e bandas poderán acollerse a este programa da área de Cultura que, logo, ofrecerá ese catálogo de actuacións a concellos, asociacións e comisións de festa.

Este ano, a Vicepresidencia da Deputación farase cargo do importe total das actuaciónns. Asumirá polo tanto o 100 por cento do custo, fronte ao 80 por cento de convocatorias anteriores.

“A situación sanitaria está a dificultar a celebración das festas pero hai concellos e asociacións que están facendo un esforzo por manter a actividade cultural, con fórmulas novas, compatibles coas medidas de prevención de contaxios por coronavirus. Desde a Vicepresidencia, queremos recoñecer ese esforzo e apoialo correndo con todos os gastos das actuacións”, sinalou a vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro.

Por outro lado, a convoatoria establece que, no caso de que as circunstancias sanitarias impidan celebrar as actuacións concertadas ao vivo, os grupos teñen a opción de facer unha gravación audiovisual que a área de Cultura difundirá a través das súas canles dixitais.

“Cremos que é importante que estes recursos cheguen aos grupos, corais e bandas xa que son fondos que logo empregan ao longo do ano en actividades culturais e formativas. Moitas das agrupacións que participan no programa, ademais de actuaren para o publico, dan clases de música e de baile”, explicou Maite Ferreiro.
“Nun ano atípico e difícil coma este, o nos principal obxectivo é seguir sostendo o tecido asociativo , para que cando todo volva á normalidade, a cultura de base recupere a súa forza. Son as asociacións as que, organizando eventos nos seus concellos, nas súas comarcas, garanten que as actividades cutlurais cheguen a todas os lugares e a todas as persoas”, concluíu Ferreiro
O pograma conta cun orzamento de 180.000 euros.
Requisitos de participación, contías e datas
Musiqueando esta aberto á participación de todos grupos de música tradicional, corais e bandas que teñen a súa residencia ou sede social na provincia. Os modelos de solicitude publicaranse o vindeiro martes 11 de agosto no BOPA, xunto as bases da convocatoria.
O importe das actuacións establécese en función do tipo de grupo e do número de integrantes, variando entre os 750 e os 2.500 euros. Os concellos e asociacións terán que programalas entre o 19 de setembro e o 29 de novembro.
O último mes do ano resérvase para tramitar os expedientes e xustificacións, co obxectivo de que os grupos reciban o pago das actuacións no menor tempo posible.

Exit mobile version