Site icon Crónica3.com A Mariña

“Suposicións e Realidades”, por Manuel Arango Ron

Supón vostede, Sr. Rodríguez Barrera, que fun eu o autor da nota de prensa que desde o equipo de goberno municipal de Lourenzá se enviou aos medios como resposta á súa en relación co último Pleno da Corporación. A realidade é que son un dos seis asinantes desa nota e que a asumo na súa totalidade.

A realidade é que vostede asina un escrito de contestación. Eu supoño que o autor non foi vostede. O que non sei é se a comparte na súa totalidade.

Supón vostede que foi insultado polo noso grupo chamándolle ignorante. A realidade é que nese escrito aparece a palabra ignorancia co significado de descoñecemento. Polo tanto, pode que sexa unha apreciación incorrecta, pero nunca un insulto. Sentímolo se vostede o tomou nese sentido.

É vostede, Sr. Rodríguez, o que me acusa a min de mentir coas cifras. A realidade é que é vostede o que intenta confundir coa maneira de expoñer os datos. Dá a entender no escrito que os gastos son todos derivados da Festa da Faba, pero na resposta á nosa contestación xa fala vostede da Festa da Faba, doutros festexos e incluso do apartado de deportes. Non sei a que outros festexos se refire vostede. Supoño que serán gastos en actividades culturais, nas que penso que non están de máis todos os investimentos que se fagan. Di vostede que se poden facer con menos orzamento e máis imaxinación. Supoño que se referirá ás actividades que realizaban vostedes, como convocar ás veciñas do concello a “Café e calceta” para celebrar o Día da Muller. Claro, o gasto era mínimo, só o café, porque incluso se lles pedía que levaran o labor da casa.

Pretende atacarme falando do traballo realizado polos alcaldes populares en relación á Festa da Faba. A realidade é que é de agradecer e que o valoramos positivamente. Sen dubida foi unha gran idea a creación desta festa e moi importante o labor desenvolvido durante tantos anos para que na actualidade sexa unha cita obrigada nas festas gastronómicas, a pesar de que na última lexislatura popular perdera bastante pulo e estaba esmorecendo. O que supoño é que algún deses alcaldes non estará moi contento ao ser sinalado por vostede, cando, entre outras cousas, o acusaron de ser o culpable de perderen a alcaldía. É curioso, por certo, que falen dos seus éxitos, cando renegan deles sempre que se critica pola nosa parte algunha actuación política do pasado, dicindo que vostedes non estaban.

Non entendo esa preocupación que ten vostede coa privatización dos servizos municipais, cando foron vostedes os que se encargaron de privatizar no seu momento o Centro de Día, o servizo de recollida do lixo e o servizo de abastecemento de auga e saneamento. Se vostede non está de acordo e quere que estes servizos volvan a dominio público non ten máis que propoñelo nun próximo Pleno municipal.

E para rematar, non entendo, Sr. Rodríguez Barrera, porque se ofende tanto cando falamos da extrema dereita. Avergónzase vostede dos pactos do seu partido con grupos ultra para gobernar algunhas Comunidades Autónomas e moitos municipios? Eu supoño que será iso. A realidade é que vostede non me pega con esa ideoloxía, pero podo estar equivocado.

Un saúdo.

Manuel Arango Ron é portavoz do equipo de goberno de Lourenzá

Exit mobile version