As catro organizacións sindicais convocantes da folga no ensino, xunto coas dúas confederacións de ANPAs do ensino público e organizacións estudantís chaman á realización de concentracións o mércores 16 de setembro ás 19 horas diante das Casas do Concello de Ribadeo, Burela e Viveiro, en rexeitamento pola mala xestión da Xunta e o seu protocolo de volta ás aulas.
A este acto está chamada a participar toda a comunidade educativa: profesorado de infantil, primaria e educación especial que están xa nestes intres nos centros aplicando os grupos de convivencia estábel e aos que a Xunta lles nega definitivamente o cumprimento da distancia mínima de metro e medio e a redución de ratios nas aulas, e tamén a todo o profesorado de secundaria, bacharelato, FP e ensinanzas de réxime especial que, despois de que o anterior equipo da Consellaría dera o brazo a torcer e aceptara realizar desdobres onde non se puidera garantir ese distanciamento mínimo, agora ve como o novo conselleiro os empraza a empregar mamparas ou a recorrer á semipresencialidade para evitar contratar máis persoal docente.
Así mesmo, as familias e ao alumnado, as outras grandes prexudicadas desta xestión, tanto polos bandazos dados pola administración como pola falta de seguridade nas aulas, tamén están chamadas a participar masivamente nestas accións que pretenden presionar ao goberno galego para que aplique a distancia mínima e os desdobres en todas as etapas educativas como principal medida de redución do risco de contaxio, como así se está a demostrar en todos os países nos que xa se retomaron as clases e como manifestan as autoridades sanitarias e as persoas especialistas en epidemioloxía a nivel internacional.
As concentracións terán lugar simultaneamente en 24 concellos de todo o país.