Esa proposta tomouse como punto de partida para que Alcoa aceptara “con vontade real” unha venda e polo tanto a continuidade industrial sen parada de cubas. “Pero o paso dos días demostra que o único obxectivo de Alcoa é consumir este tempo ‘de prórroga’ para prefabricar unha exculpación polo fracaso das negociacións “, advertiu Carril.
As cinco reunións da mesa de seguimento, engade, evidencian que Alcoa está a pór obstáculos imposíbeis para acadar a saída que nestes momentos está enriba da mesa: o proxecto industrial do grupo británico. Por iso, reclamoulle a Alcoa que deixe de boicotear a negociación alegando demandas imposíbeis por parte de GFG, como dispor dun contrato de subministros de alúmina máis alá dos cinco anos, tendo en conta que Alcoa “aterrizou no estado español reclamando garantías, subministros e prezos por prazos moi superiores”.
De igual xeito, criticou que Alcoa insista tanto nos custes de separación cando estes teñen a ver con cuestións relativas a concesións ou permisos que dependen das administracións públicas. “Para que esta operación vaia adiante necesítase unha vontade de vender que Alcoa parece que non ten”, espetoulle.
Doutra banda, á CIG preocúpalle que Alcoa teña máis preocupación por preparar un escenario de paradas das cubas que por “traballar de forma decidida pola continuidade da produción”. “Non imos consentir que se traslade un posíbel fracaso das negociacións á mesa laboral ou que se queira precipitar todo á mesa negociadora do ERE o próximo 28 de setembro”, advertiu.
En calquera caso, Carril reiterou que “nesa mesa non está a solución, só despedimentos e peche do aluminio primario, e nese foro nin sequera están representados/as todos os traballadores/as, porque o persoal das auxiliares segue sen ter cauce onde abordar a súa problemática ante calquera escenario que se dea”.
Finalmente, Paulo Carril insitiu en demandar de Alcoa que acepte a mediación das administracións, “porque doutro xeito estades dinamitando o acordo que subscribimos o 13 de agosto, antes incluso de rematar o prazo de tempo fixado”.
Así as cousas, de frustrarse a venda ou resultar nun acordo insuficiente, a CIG non renuncia á nacionalización do complexo de San Cibrao, posto que é unha opción posíbel e viábel e non existen limitacións normativas que impidan esta intervención pública, para que só fai falta vontade política.