Site icon Crónica3.com A Mariña

A pescada do pincho de Burela chega ao “fin do mundo”

 Burela, 17 de setembro, 2020. Esta fin de semana estase a completar a penúltima etapa de “Orixe & Destino Galicia”, unha campaña da Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo e Paradores que ten lugar durante 10 semanas nos restaurantes da rede de Paradores de Turismo de España ubicados nas diferentes rutas do Camiño de Santiago.
Nesta quinta xornada da súa particular Ruta Xacobea, a Pescada do Pincho de Burela chega ao “fin do mundo” xusto unha semana antes de regresar á súa orixe en Santiago de Compostela.
O Parador Costa da Morte, ubicado na costa de Muxía (A Coruña) xunto á Praia de Lourido e dentro do Camiño de Fisterra, ofrece desde este xoves e ata o domingo unha deliciosa receita de “Pescada do Pincho de Burela, caldo corto, percebe e aire de pementón”.
Construído respectando a topografía da ladeira natural e con espectaculares vistas ao mar, sobre cantís e praias, a media hora deste parador atópase o impresionante Faro do Cabo Fisterra, bautizado polos romanos como “o fin do mundo”, lugar sempre vinculado á navegación e ás lendas.
O Camiño 2020 do “Peixe de Burela” achégase xa ao seu destino en Compostela: será a vindeira semana de novo na Praza do Obradoiro, ao pé da Catedral de Santiago, no Parador Hostal dos Reis Católicos con novas receitas de Pescada de Burela.
E farao tras visitar os fogóns de nove Paradores ubicados en sete comunidades autónomas diferentes: Navarra, Cantabria, Castela e León, Andalucía, Extremadura, Asturias e Galicia.
A campaña combina a gastronomía, a calidade dos produtos pesqueiros da lonxa de Burela, a rede de Paradores e o Camiño Xacobeo. As principais protagonistas son dúas das especies máis importantes da lonxa de Armadores de Burela, que tamén colabora nesta iniciativa: a pescada do pincho e o bonito do norte.
Esta acción promocional baséase na importancia da “Orixe e Destino Galicia”, xa que a pescada e o bonito saen do porto de Burela e volven a Galicia seguindo o Camiño de Santiago a través dos restaurantes de paradores que están ubicados nas diferentes rutas xacobeas: o Camiño Mozárabe, a Vía da Prata, o Camiño de Madrid, o Camiño Norte, o Camiño Francés e o Camiño de Fisterra.
Esta acción enmárcase dentro das accións de promoción de OPP Lugo incluídas no seu Plan de Produción e Comercialización anual e contan coa cofinanciación da Xunta de Galicia e o Fondo Europeo e Marítimo da Pesca.

Exit mobile version