Site icon Crónica3.com A Mariña

O Alcalde de Burela fai unha valoración positiva da xuntanza que mantivo coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e agarda que a nova Edar sexa unha realidade en 2023

Burela, 29 de setembro de 2020. O alcalde burelés, Alfredo Llano, fai unha valoración positiva da xuntanza que mantivo esta mañá en Santiago coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e con técnicos deste departamento para abordar varios proxectos e asuntos de interese para o concello. Enriba da mesa estiveron o Consorcio da Auga de Cervo e de Burela, a instalación dun criadeiro de salmóns e a Edar. A estación podería ser unha realidade en 2023 si se van cumprindo todos os prazos e non xorden contratempos.
O rexedor explicou que “con Augas de Galicia estivemos falando de varias cuestións con respecto ao Consorcio e á Mancomunidade que queremos facer das augas compartidas de Cervo e Burela. Estivemos analizando si queremos seguir con esta idea ou con outro proceso compartido, a través dunha iniciativa de Augas de Galicia. Estivemos mirando a mellor situación para dar o mellor servizo e que vaia ben para os dous Concellos. Quedamos de facer unha reunión este trimestre en Cervo”.
Alfredo Llano e Teresa Gutiérrez tamén falaron sobre a empresa norueguesa de produción de salmón, que está interesada en montar unha planta e Burela. Llano lembrou que a súa intención é producir tres millóns de quilos de salmón ao ano: “estiven preguntando sobre a capacidade de consumo que temos Cervo e Burela para darnos conta do que esixe a empresa para poder levar adiante esta produción que necesita unha cantidade de auga importante. En principio ten pensado aproveitar a auga do mar, procedendo a súa desalinización, e o abastecemento de auga doce xa se vería cal podería ser a mellor fórmula. Evidentemente coa capacidade que esixe vai ser moi difícil que se poida abastecer co noso caudal, pero miraríamos a ver como podemos facer para que non quede desabastecida, porque hai a intención unánime tanto de Portos como de Costas, como de Augas de Galicia como do Concello de Burela de que se poida favorecer a instalación dunha empresa deste tipo no noso concello”.
O alcalde dixo que “foi unha reunión moi interesante, estaban ademais da directora de Augas de Galicia, os técnicos, os arquitectos e os enxeñeiros de Augas de Galicia para asesorarme de todo o que me preocupaba e foi unha conversa moi amigable que resultou moi efectiva”.
Outro dos proxectos dos que está moi pendente o rexedor de Burela é sobre a nova Edar: “a previsión de construción da Edar imos levala para adiante o antes posible, dado que é fundamental para Burela. Por un lado para determinar con claridade un bo tratamento das augas residuais, para que sexa acorde coa necesidade de Burela tanto pola poboación como polo consumo e por toda a súa actividade. A nova planta estará preparada para atender entre 16.000 e 20.000 habitantes. Urxe facela porque cada vez que hai moita choiva manifestase o mal que está a Edar actual”. Alfredo Llano lembrou que “a nova consta de dous proxectos básicos, un deles é a propia Edar, todo aquilo que se necesita instalar para que sexa efectiva, vai ser unha planta biolóxica e coa capacidade suficiente para atender as necesidades presentes e futuras de Burela. Despois hai outra obra complementaria que é a canalización para a Edar e o emisario que fai falta construír no porto de Burela. O proxecto da canalización é posible que xa se remate a final de ano e que se faga a licitación a primeiros do ano que ven. Ademais agora mesmo se está resolvendo o proxecto executivo para a construción da Edar, para o que hai moitas empresas interesadas, calculan que en novembro estaría resolto ese procedemento e despois teñen oito meses como máximo, aínda que eu agardo que sexa menos, para resolver o proxecto. Unha vez que estea resolto xa se pasaría á licitación da obra”.
O alcalde burelés calcula que “no ano 2023 estea rematado todo o proceso. En principio dá confianza en ver como se vai avanzando, esperemos que saia rapidamente a licitación para ter rematada toda a obra, que non vai ser fácil porque é complexa, para o ano 2023”.
Á directora de Augas de Galicia o rexedor tamén lle insistiu na necesidade de proceder á limpeza dos ríos de Burela.

Exit mobile version