O rexedor explicou que “soliciteille ao presidente da Deputación axuda para executar unha serie de obras aquí en Burela. Unha delas será a que faremos no campo de fútbol onde queremos facer un novo peche, que substitúa ao actual porque está completamente oxidado. Nós non tiñamos presuposto para poder afrontar esta obra na súa totalidade. Desde o Concello afrontarémola parcialmente e pedinlle que o resto corra a cargo da Deputación. Penso que non haberá problema e así poderemos acometer a obra no seu conxunto e completa”.
Alfredo Llano avoga pola construción dunha rotonda na Puída, onde está o cemiterio para a subida ao Monte Castelo: “alí na propia estrada da Deputación, onde está o acceso ao Monte Castelo, sería conveniente contar cunha rotonda, xa que favorecería moito a condución e a seguridade. Esa rotonda xa ven sendo solicitada por moitos veciños e veciñas de Burela. Ademais derivado da actividade que haberá a partires de agora nas minas de caolín tamén sería positivo, debido ao incremento do tráfico que se vai producir nesa zona”.
O alcalde tamén lle pediu ao presidente da Deputación José Tomé “a sinalización do Monte Castelo como área recreativa. Habería que colocar un cartel vistoso e interesante que dea lugar xa a pensar que alí hai algo bonito para visitar. Poñeremos vista espectacular ou área recreativa de xeito que destaque e que supoña unha motivación para subir ata o Monte Castelo”.
Llano seguiu a relatar que “tamén solicitamos a instalación dunhas marquesiñas que se van colocar na estrada da Deputación, entre Burela e o cemiterio, para que a xente que vai camiñando si nalgún momento ten que abrigarse porque chove ou precisa descansar que conte cunha marquesiña. Son moi bonitas e non creo que se tarde moito en colocar. Tamén para mellorar a seguridade nesa estrada pedín foi a instalación duns quitamedos nunha zona duns 50 metros onde se procedeu á corta de árbores e todo aquilo quedou moi despexado. É preciso mellorar a seguridade para evitar que si se produce un accidente puidera caer algún coche á N-642”.
Llano e Tomé tamén abordaron a preocupación polo inicio do curso escolar: “falamos da posible xestión de materiais para os colexios e institutos de Burela”.
Para o alcalde de Burela a xuntanza co presidente da Deputación “foi unha conversa interesante, agardo que dea os seus froitos e que en pouco tempo se note”.