Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfredo Llano reunirase o martes en Santiago con responsables de Augas de Galicia e de Portos para falar da EDAR, o criadeiro de salmóns ou as rotondos de acceso ao peirao

 Burela, 26 de setembro de 2020. O alcalde, Alfredo Llano, manterá o vindeiro martes, 29 de setembro, xuntanzas cos responsables de Augas de Galicia e de Portos para abordar cuestións como a Edar, a posta en marcha dun criadeiro de salmóns ou a mellora das rotondas de acceso ao peirao.
O rexedor sinalou que “hai uns asuntos que son importantes para Burela nos últimos tempos. Un deles é a estación depuradora de augas residuais (EDAR), que queremos que se constrúa o antes posible e neste mes decidirase a que empresa se lle vai adxudicar o proxecto executivo tanto da EDAR como das obras complementarias. Calculamos que se todo vai ben e se fai realmente o proxecto no tempo establecido, que é ata finais deste ano, en xaneiro se poida licitar a construción da EDAR. Vou ir o próximo martes a Santiago para falar con responsables de Augas de Galicia para ver como está este tema”.
Llano indicou que “outra cuestión é a relativa ao Consorcio Cervo-Burela porque temos a intención de convertelo nunha Mancomunidade e ademais hai que analizar como está funcionando a ETAP e a EDAR. Tamén hai outro asunto para tratar con responsables de Augas de Galicia e de Portos, que é a intencionalidade clara dunha empresa norueguesa de instalar un criadeiro de salmón no porto de Burela”.
O alcalde engadiu que “con Portos de Galicia vou abordar outros dous temas: os convenios para mellorar as rotondas da entrada de Burela e do acceso ao porto porque queremos poñelas bonitas para que sexan atractivas esteticamente; e tamén nunha praza grande que hai nunha das baixadas da rúa do Porto queremos facer unha área recreativa para poder aproveitar ese espazo e que a xente poida gozar del”.

Exit mobile version