“Tal vez soñar” é unha lúdica exploración do universo feminino shakespeareano a través de tres das súas obras: Hamlet, Otelo e O mercader de Venecia; unha viaxe que terá tres guías transgresoras e vándalas: as bruxas de Macbeth. O teatro é, quizais, a arte que máis reflicte a sociedade na que vive, unha sociedade que é historicamente machista. Como o era a sociedade na época do teatro isabelino, e como o é o teatro do maior dramaturgo de todos os tempos: William Shakespeare. Abondan un par de exemplos: Hamlet, a mellor obra dramática xamais escrita, ten vinte e oito personaxes, dos cales tan só dous son mulleres. E certamente non saen ben paradas nos seus roles: Gertrud, de puro inocente e ignorante, é case parva; e Ofelia, cando o seu mozo a abandona (o príncipe Hamlet) non ten outro recurso que suicidarse.
Outras vilas da provincia, como acollerán máis adiante outro espectáculo. É o caso de “La loka historia de Frankenstein”, ACAR Teatro del Mundo (Asturias), que se representará o venres 25 de setembro en Ribadeo e o domingo 4 de outubro en Vilalba.
Camiño Escena Norte, o proxecto
Camiño Escena Norte é un proxecto artellado arredor dun novo itinerario de intercambio cultural que toma a ruta histórica do Camiño de Santiago do Norte como referencia para unha intensa programación escénica, expandida ademais nos eidos das sinerxias sectoriais, a mediación co público ou a reflexión.
Camiño Escena Norte xorde co obxectivo de coñecer máis e mellor aos nosos veciños e veciñas, dando a posibilidade ao público de ter acceso a producións escénicas doutros territorios ás que doutra maneira non accederían. Aproveitando esta ruta cultural e histórica que nos une dende hai séculos creamos un novo camiño de cultura con espectáculos de teatro e danza, encontros, obradoiros, xornadas ou residencias de creación, no que mostrar a diversidade cultural, lingüística e de formatos e linguaxes escénicas da produción galega, asturiana, cántabra e vasca.
Este proxecto está promovido polas asociacións de produtoras escénicas de cada unha das autonomías implicadas: Escena Galega, EscenAsturias, ACEPAE (Cantabria) e Eskena (Euskadi), e patrocinado pola Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, a Deputación de Lugo, o Concello de Lugo e o INAEM.