Site icon Crónica3.com A Mariña

Castiñeira: “Votaremos na Deputación a favor a moción do BNG en apoio da planta de aluminio de San Cibrao e facemos un chamamento a Alcoa para que posibilite a venda”

 Lugo, a 28 de setembro de 2020. O futuro da industria aluminera de San Cibrao pende dun fío, o mesmo que sostén o futuro económico e laboral da comarca da Mariña, e, en gran parte, da provincia de Lugo. O portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, poucas horas despois da gran marcha de Xove e a poucas horas da celebración do pleno da Deputación, sinala: “Votaremos na Deputación a favor da moción do BNG en apoio da planta de aluminio de San Cibrao e facemos un chamamento a Alcoa para que posibilite a venda da industria de maneira que teña futuro e se salven os postos de traballo que xera, tanto directa como indirectamente. Facemos un chamamento a Alcoa a demostrar que sabe valorar a implicación que con ela tivo desde o primeiro día a comarca de A Mariña. E facemos tamén un chamamento ao Goberno de España para que dea os pasos necesarios para garantir o futuro desta industria, que cumpra os compromisos adquiridos unha e outra vez ao máis alto nivel e que nunca executou”. Indicou que as instalacións de San Cibrao, como produtoras de aluminio primario, teñen un valor estratéxico para España e como tal deben ser protexidas desde o Goberno.

O portavoz provincial dos populares sinala: “No Partido Popular estivemos en todo momento apoiando a continuidade da planta de San Cibrao. Os alcaldes de Xove e de Cervo, o PP de Lugo ao completo, desde o primeiro momento estivemos na defensa desa industria. Unha vez máis expresamos o noso máximo compromiso con ela e cos seus traballadores”.
Castiñeira, con respecto á moción do Bloque explica que a apoiarán aínda que “ rexeitamos un dos seus puntos, que é o relativo á creación dunha tarifa eléctrica galega”. Engade: “Estamos convencidos de que sería unha maneira de crear problemas en vez de resolvelos. Hai cuestións, e esta é unha delas, que non son solucionables localmente, senón que teñen que ter solucións en ámbitos nacionais ou incluso internacionais, europeo neste caso”.

Javier Castiñeira apela ao Goberno de España para que xogue as cartas que aínda pode xogar para garantir o futuro da industria de San Cibrao. “Aínda ten marxe para superar o actual momento. Pero ademais é hora de que cumpra o compromiso reiteradamente adquirido e reiteradamente incumprido de deseñar, mediante o demandado estatuto, o marco estable que permita as empresas electrointensivas españolas competir coas do resto de Europa. É necesario establecer un marco de prezos estables e asumibles; é o marco que deseñan as alegacións presentadas no seu día pola Xunta, a empresa e os representantes dos traballadores ao proxecto de estatuto presentado polo Goberno”.

Exit mobile version