Site icon Crónica3.com A Mariña

CCOO-Ensino esíxelle á Consellaría unha negociación sobre o teletraballo

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2020. A Federación do Ensino de CCOO esíxelle á Consellaría de Educación a apertura dunha mesa de negociación sobre o teletraballo, co obxectivo de implementar no ámbito autonómico o acordo logrado polo sindicato na mesa xeral de empregadas e empregados públicos do Estado. «Cómpre garantir os dereitos laborais do profesorado que traballo a distancia», advirte o sindicato.

O acordo co Ministerio de Política Territorial e Función Pública modifica o Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP) para regular o teletraballo nas Administracións. Garante que, en caso ningún, esta modalidade poderá significar unha mingua nos dereitos laborais. Tamén se salvagardan as garantías en materia de saúde laboral, protección de datos e dereito á desconexión dixital, tal e como esixía o sindicato.

Un dos principais logros conseguidos por CCOO nesta negociación é a inclusión explícita de que ha ser a Administración correspondente a que dote os medios precisos para realizar o teletraballo e se encargue do seu mantemento.

Hai días, CCOO-Ensino xa lle enviara un escrito á Consellaría pedindo abrir unha negociación sobre esta materia —xúntase o documento—. Segundo o sindicato, a opción da semipresencialidade que están a usar moitos centros no inicio do curso «fai urxente que se clarexen todos os aspectos relacionados con esta modalidade».

Exit mobile version