Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2020. Comisións Obreiras (CCOO) pide medidas para reactivar o sector da cultura, un dos máis prexudicados pola crise económica e tamén polas medidas de contención da pandemia. O sindicato apoia as mobilizacións que diferentes entidades do sector convocan en todo o Estado para mañá xoves, 17 de setembro. En Galicia está previsto que haxa accións de protesta en Santiago de Compostela e Vigo.
A declaración do estado de alarma e logo as medidas para a transición cara a nova normalidade supuxeron a suspensión ou cancelación de espectáculos públicos. Debido á demora na súa reactivación e as numerosas restricións, as persoas profesionais do sector do espectáculo non dispoñerán de ingresos derivados da súa actividade durante un amplo período.
Por esta razón, CCOO xa lle propuxo á Xunta de Galicia, o pasado mes de xullo, unha liña de axudas para as e os profesionais do sector do espectáculo, que xera no noso país un gran volume de postos de traballo, tanto en orquestras como nos empregos técnicos e auxiliares. Non obstante, a proposta sindical aínda non obtivo resposta por parte da Administración autonómica.
As peculiaridades do encadramento de artistas e auxiliares na Seguridade Social, a «picaresca na utilización das diferentes modalidades de contratación» e as múltiples situacións profesionais fan que moitos traballadores e traballadoras non queden cubertos coas medidas extraordinarias de protección social aprobadas polo Goberno central.
Demostrar que a cultura é segura
Segundo a información facilitada pola organización, en Galicia haberá dúas accións reivindicativas principais. Unha en Vigo, a partir das 18:00, entre o Círculo de Empresarios (rúa de García Barbón) e a Porta do Sol. A outra en Santiago de Compostela, ás 19:30, na praza do Obradoiro. O acceso estará restrinxido ás persoas que previamente adquiran o billete gratuíto na web compralaentrada.com e o acto desenvolverase coas máximas medidas de seguridade e hixiene, co obxectivo de demostrar que a cultura é segura. Ao remate, lerase un manifesto coas reivindicacións e medidas de apoio para o sector.