Cociñando A Mariña Lucense é unha iniciativa ecogastronómica novidosa coa que dar a coñecer os produtores e alimentos da comarca, onde a hostalería cociñará os produtos a través de vídeo receitas e onde se convidará a participar á cidadanía nun concurso de receitas de gastronomía local mariñá.
O presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, sinalou: “estamos ilusionados con este proxecto. Pouquiño a pouco imos poñendo pasos, xa se empezaron con outras iniciativas como a Ruta da Faba, que leva consolidada moito tempo. Non deixa de ser iso, poñer en valor produtores e produto local, tamén que perdamos o medo a indicar de onde ven o que comemos, se os pementos son de aquí, se o bonito é de Burela ou a pescada de Celeiro que se explique, porque é un valor engadido. Hai moitos produtos saborosos… e respectando aos asistentes onde mellor se come é na Mariña”. Cajoto agradeceu a colaboración da Federación de Comercio A Mariña e da Xunta de Galicia para levar adiante esta iniciativa. Tamén tivo palabras de agradecemento para Pilar García Porto, a responsable da Área de Turismo da Deputación de Lugo, que asistiu como convidada a este acto, xunto a representantes de Asociacións de Comerciantes e Hosteleiros, de produtores coma Boaga e Asoporcel, de técnicos, de concelleiros e de alcaldes da comarca.
O creador e coordinador da campaña, Lucas Requejo, dixo que “a aposta pola Ecogastronomía como piar de desenvolvemento gastronómico, ten por obxectivo reactivar a produción agroalimentaria dende a perspectiva da biodiversidade local e a produción sostible, promovendo accións que poñan en valor os nosos recursos gastronómicos para contribuír na consolidación dun turismo sostible.Con esta iniciativa queremos darlles visibilidade ao produtores agroalimentarios, a través da páxina web de amarinalucense.gal, onde se poderá poñerlles cara e descargar unha Guía de Produtores da Mariña Lucense. Tamén, dende finais de setembro a mediados de outubro de 2020 iremos dando a coñecer a todos eles nas redes sociais de A Mariña Lucense Turismo”.
Na súa intervención Requejo anunciou que “ademais, animaremos á hostalería local a que realicen as súas propias vídeo receitas cociñando os alimentos dos produtores de A Mariña Lucense. Poderanse ollar as súas elaboracións a partir do 15 de outubro nas nosas redes sociais e na lista de reprodución creada para esta fin da canle de Youtube da Mancomunidade: A Mariña Lucense Turismo. E por último, animaremos a participar nun concurso á cidadanía que poremos en marcha durante o mes de outubro e novembro, do 15 ao 15”.
Pola súa banda, o presidente da FCAM, José Carlos Paleo, subliñou que cantas máis iniciativas comarcais se organicen “mellor nos irá a todos” e contou que “a xente que ten segunda residencia na Mariña estase quedando aquí a teletraballar, algo que contribúe á desestacionalización da que tanto falamos. Temos que poñer en valor todo o que temos, iso axudaranos a todos a sobrevivir”. Paleo aludiu ao traballo que hai detrás deste proxecto: “este gran traballo que acabades de facer, que nos vai servir a moitos para comprar leitugas ou tomates en Mondoñedo, que non sabemos a quen comprarlle un tarro de mel se non está posto nun escaparate. Sobre todo á xente da hostalería que vai poder nutrirse de produtos de forma moito máis cómoda”. O presidente da Federación de Comercio A Mariña manifestou que “pola nosa parte nos poñemos a disposición de todo o mundo para seguir colaborando, porque este é un traballo de largo alcance, non hai metas, hai etapas, e esta é unha etapa real neste momento que vai servir para pasar o inverno dunha forma mellor”.
E o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, felicitou “á Mancomunidade da Mariña e á Federación de Comercio por este proxecto e reiterar sempre o apoio da Xunta a cantas medidas axuden a impulsar o xeodestino. Os tempos demandan un maior esforzo para remontar esta situación, e para iso este ano o goberno galego incrementou nun 12% a achega ao convenio que subscribe coa Mancomunidade para a xestión do xeodestino. Igualmente no marco do convenio asinado cos touroperadores galegos, estase traballando na posta en marcha de novas experiencias turísticas na Mariña lucense. Así mesmo a Xunta pretende que a comarca se converta nun dos territorios galegos no que se poña en marcha un plan de sustentabilidade turística”. E engadiu: como saben, eu mesmo tamén inicio unha nova andaina profesional, así que permítanme que aproveite este acto para, dende a miña responsabilidade como delegado territorial, poñerme a disposición da Mariña e do seu tecido social e empresarial e dos veciños e veciñas para traballar xuntos polo progreso e benestar desta comarca. Así que moitas grazas por invitarme e a traballar todos xuntos”.
Cociñando A Mariña Lucense é unha iniciativa que, como todas as que se levan a cabo dende a Mancomunidade, sigue a senda da filosofía do turismo Slow, experiencial e sostible. “A riqueza do territorio en produtos de calidade é incalculable, entre todos, debemos ser mais conscientes desto, sentirnos orgullosos e ser capaces de transmitirllo a todo o mundo”, apuntan desde a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense.