Site icon Crónica3.com A Mariña

Conde apela ao consenso e á unidade para encarar a reactivación económica de Galicia

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2020. O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, apelou hoxe ao consenso e á unidade para encarar a reactivación económica de Galicia. Fíxoo durante a súa intervención nun xantar-coloquio coa Asociación da Empresa Familiar de Galicia, a quen agradeceu a súa colaboración como parte do Comité de Expertos Económicos que asesorou á Xunta ao inicio da pandemia.

Conde, que estivo acompañado pola conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, fixo fincapé na importancia do diálogo porque, segundo dixo, a resposta á crise que provocou a covid-19 será máis axeitada co traballo e o esforzo de todos e contando coa visión e a experiencia do tecido produtivo. Nese sentido, avogou por continuar esa senda para enriquecer o Plan de reactivación e dinamización de Galicia con medidas a longo prazo e apostando por un crecemento sólido, inclusivo e sustentable, pola economía verde e do coñecemento e por un proxecto xeracional.

O vicepresidente económico apuntou que os programas de axuda que se puxeron en marcha ata o momento no marco do citado plan levan rexistradas 30.000 solicitudes e que só as iniciativas de apoio á dixitalización de empresas aprobadas suman 26 millóns de euros.

Retos: crecemento sustentable e tecnolóxico
Segundo dixo, nesta nova lexislatura o acordo cos axentes económicos e sociais vai seguir sendo unha prioridade porque hai moitos retos por diante. Entre eles, dar continuidade á Industria 4.0, tanto nas pemes como na industria. Seguir impulsando sectores estratéxicos como a automoción, o naval, o primario e o forestal, e aqueles con potencial de crecemento como o aeroespacial ou o biotecnolóxico. Defender sectores esenciais como o electrointensivo para conseguir que o Goberno estableza un prezo eléctrico competitivo para esta industria da que dependen en Galicia 5.000 empregos. Continuar con iniciativas que relancen a innovación, como os centros de fabricación avanzada ou os Hubs de Innovación Dixital. Seguir acompañando aos emprendedores e, en concreto, aos que comercializan solucións innovadoras fronte á covid. E materializar os tres proxectos tractores que contempla o Plan de reactivación baseados no hidróxeno verde, a economía circular e no aproveitamento de fibras téxtiles, coa previsión de crear 1700 empregos directos e un investimento asociado de 1300 millóns de euros.

O vicepresidente económico apuntou que non haberá crecemento económico se non é sustentable e tecnolóxico. Con esa premisa, a Xunta ten activas tres liñas de axuda que neste momento están abertas para apoiar a empresas de sectores estratéxicos, cun orzamento de 10,3 millóns de euros; para financiar proxectos de innovación e dixitalización no tecido empresarial, con 10 millóns de euros; e para apoiar o desenvolvemento de novas solucións fronte á covid, para o que se destinan 10 millóns de euros.

Conde reiterou ao Goberno que tome Galicia como modelo de xestión de fondos europeos e estableza cales van ser os criterios de reparto porque estes fondos van ser o gran apoio das comunidades autónomas para reactivar os sectores produtivos e o tecido empresarial.

Para concluír, apuntou que a empresa familiar en Galicia supón 55.000 empregos e 44 millóns de euros de investimento social. E destacou que a aposta a longo prazo que fan estas empresas convérteas en innovadoras por definición e en grandes coñecedoras da cultura do reto permanente, uns valores indispensables actualmente no tecido empresarial.

Exit mobile version