Estamos con eles dende o primeiro momento e, como sempre, seguiremos ao seu lado co obxectivo de garantir o futuro desta planta, que resulta fundamental para a economía da comarca e da provincia.
É necesario atopar unha solución, mirando todas as ferramentas que sexan necesarias para evitar o peche desta planta; se é necesaria a intervención, haberá que facela. Quedou demostrado que Alcoa actuou a mala fe e que o único que quere é pechar a fábrica, traer o aluminio doutros países e pechar a produción en Europa.
Non se pode permitir que unha multinacional como Alcoa, que gañou millóns e millóns co traballo dos empregados e empregadas da Mariña, agora, por unha simple estratexia, pechen unha comarca. Non se lles pode permitir.
Estamos a vivir un momento difícil e complexo, pero que se está a producir ante o mellor panorama político que podiamos ter. Dous gobernos, o da Xunta de Galicia e o do Estado, están a traballar xuntos para lograr a continuidade desta planta.
Cónstame que ambos están a facer todo o posible para salvar esta factoría, buscando alternativas viables fronte á mala fe demostrada por Alcoa, que está a rexeitar de manera sistemática todas as opcións plantexadas.
Dende o primeiro momento Alcoa actuou intentando torpedear a venda, non deixando paso a un novo inversor, como é Liberty House, cun proxecto solvente e viable para comarca. Por isto, o Goberno do Estado, co apoio da Xunta de Galicia, vendo que as negociacións para a compra non chegaban a bo porto, deu un paso máis aló e propuxo a adquisición desta planta a través do SEPI. Tampouco foi posible.
A situación é moi crítica, pero a Xunta de Galicia e o Goberno do Estado están traballando en bloque cun mesmo obxectivo e confío plenamente en que ningunha destas administracións vai a permitir que a planta de San Cibrao peche. Quedan dúas opcións, que Alcoa venda ao Goberno a través do SEPI, como se tiña proposto, ou que se busquen alternativas, sexa a intervención ou a ferramenta que sexa, para que en ningún momento deixe de producir a fábrica de Alcoa San Cibrao e manter os postos de traballo.
Seguiremos traballando para que as cubas non paren e conseguirémolo.