Site icon Crónica3.com A Mariña

Gonzalo Caballero: “ou Alcoa permite a venda ou o estado debe utilizar todas as vías legais de intervención  para que a entrada do inversor sexa unha realidade”

 Santiago, 26 de setembro de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, esixiu hoxe a Alcoa que formalice xa o acordo de venda da factoría de San Cibrao a Liberty e reclamou ao Estado que, no caso de que Alcoa se peche á entrada do inversor, contemple “todas as vías de intervención legalmente posibles dentro do marco europeo para que a planta non peche”.

“Hai inversor e hai un proxecto serio, e Alcoa non pode bloquealo e pechar a planta da Mariña”, remarcou o líder do PSdeG, quen fixo fincapé en que hai que “garantir a venda” da factoría de San Cibrao.

Neste senso, Gonzalo Caballero incidiu en que Alcoa é unha empresa estratéxica pola produción de aluminio e non pode “obstaculizar a posibles inversores para manter a súa primacía no mercado e restrinxir a competencia, porque esas prácticas non deben ter cabida na Unión Europea e menos nunha empresa que recibiu axudas públicas inmensas”.

“Alcoa non pode seguir vetando a inversión para furtar competencia, nunha estratexia empresarial que carece de toda responsabilidade social corporativa”, engadiu o máximo dirixente socialista a falta de dous días para que remate o prazo de negociación antes da entrada en vigor do ERE, e recordou que esta empresa recibiu “centos de millóns de euros en subvencións públicas” e “non pode agora vetar un proxecto empresarial viable”.

Así as cousas, Gonzalo Caballero requiriu ao Estado que contemple as vías de intervención legalmente posibles “para evitar o ERE ao que Alcoa nos quere conducir”, e esixiu a Feijóo e ao PP de Pablo Casado que se poñan “a carón do goberno de España fronte á estratexia de Alcoa”.

Exit mobile version