Site icon Crónica3.com A Mariña

Javier Castiñeira en relación a Alcoa: “Debemos dar unha imaxe de fortaleza política”

 Lugo, a 29 de setembro de 2020. “Debemos dar unha imaxe de fortaleza política”. Así o indicaba o voceiro do Grupo Provincial do PP, Javier Castiñeira, ao inicio da sesión plenaria sobre a moción presentada polo Bloque Nacionalista Galego relativa á crítica situación de Alcoa. E é que, segundo apuntou, “este consenso máximo” é necesario porque “estamos no peor momento dos 40 anos de existencia de Alcoa; unha situación moi procupante para a Mariña e a provincia de Lugo”, afirmou. Con todo, apuntou que, na iniciativa dos nacionalistas, “hai diverxencias, como é a tarifa galega porque entendemos que podía ser un escollo, debido a un tema tan global como é o tema da enerxía”. A este respecto, adiantou que pedirán que se retire ese punto por ser “tan intrascendental nos momentos nos que estamos”.

Castiñeira indicou tamén que todos os grupos e todas as administracións, en relación á Xunta de Galicia e ao Goberno central, “debemos presionar a Alcoa para que chegue a un acordo posible con quen ten un proxecto para A Mariña de futuro, e que é Liberty House”.

Outras mocións
O voceiro do PP tamén lembrou que agarda contar co apoio da Corporación para solicitar a SEPES e a SEA rebaixas e bonificacións no solo industrial dos polígonos que estas entidades teñen proxectados na provincia. Os populares trouxeron este asunto a pleno porque, explicou Castiñeira, “nestes momentos son moitas as necesidades que teñen as empresas”; de aí a importancia “de incentivar que se siga mantendo a actividade económica da provincia”.

Por outra banda, tamén demandarán que o equipo de goberno resolva o acceso ao núcleo de Outeiro, en Catroverde, tal e como xa anunciaron en días pasados. Para o popular a actuación do organismo lugués nesta vía provincial “é unha mostra das cousas mal feitas da Deputación”.

“É inaceptable que o alcalde, que tamén é deputado, e o presidente, que tamén é alcalde, non escoitasen as reclamacións dos veciños. Nalgunhas delas chegamos tarde, pero agardamos que o resultado final sexa satisfactorio para os afectados”, concluíu Castiñeira.

Exit mobile version