En “La loka historia de Frankenstein”, Igor e Monstry chegan ao castelo da familia da doutora Frankenstein, despois dunha longa viaxe en busca dunha fórmula que devolva á doutora ao seu estado natural… Un espectáculo desopilante, tenro e inesperado, que gustará a todo o público e non os deixará indiferentes.
[Entrada libre ata completar capacidade. Apertura de portas desde 30 minutos antes do comezo da función]
Camiño Escena Norte, o proxecto
Camiño Escena Norte é un proxecto artellado arredor dun novo itinerario de intercambio cultural que toma a ruta histórica do Camiño de Santiago do Norte como referencia para unha intensa programación escénica, expandida ademais nos eidos das sinerxias sectoriais, a mediación co público ou a reflexión.
Camiño Escena Norte xorde co obxectivo de coñecer máis e mellor aos nosos veciños e veciñas, dando a posibilidade ao público de ter acceso a producións escénicas doutros territorios ás que doutra maneira non accederían. Aproveitando esta ruta cultural e histórica que nos une dende hai séculos creamos un novo camiño de cultura con espectáculos de teatro e danza, encontros, obradoiros, xornadas ou residencias de creación, no que mostrar a diversidade cultural, lingüística e de formatos e linguaxes escénicas da produción galega, asturiana, cántabra e vasca.
Este proxecto está promovido polas asociacións de produtoras escénicas de cada unha das autonomías implicadas: Escena Galega, EscenAsturias, ACEPAE (Cantabria) e Eskena (Euskadi), e patrocinado pola Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, a Deputación de Lugo, o Concello de Lugo e o INAEM.