Alfredo Llano contou que “tivemos unha reunión con responsables da factoría de cría de salmón que amosa un interese enorme en instalarse aquí en Burela. Estivemos falando das características técnicas. É unha factoría que vai facer un investimento entre 36 e 40 millóns de euros, a capacidade de produción que vai ter será de 3 millóns de quilos ao ano e serán salmóns comercializados cun peso de entre cinco e seis quilos. Vai ocupar unha superficie total duns 25.000 metros cadrados e instalarase no polígono industrial do Berbés, no porto de Burela”.
O alcalde explicou que “pretende iniciar a súa andaina en xullo do ano 2021. Están traballando nos trámites a través dos organismos competentes diante da Xunta de Galicia, de Portos de Galicia, de Augas de Galicia e de Costas para ir apurando e vendo a mellor maneira de poder instalar esa factoría”.
Llano subliñou que “é un proxecto interesante e no Concello facilitaremos todo o que sexa bo para Burela. Estivemos falando da necesidade de auga e de enerxía porque isto move moitos aspectos. Van contar ademais con empresas da zona para complementar certa distribución e algunha parte do tratamento do salmón. Pretenden crear entre 60 e 70 postos de traballo, que non está nada mal, agora mesmo é un motivo de optimismo”.
O rexedor engadiu que “elixiron Burela porque viron que era un concello bo para esta industria e están moi interesados. Nosoutros, desde o Concello, facilitaremos ao máximo posible tanto a esta empresa como a calquera outra para que haxa actividade social e económica”.
Axudas polo covid-19
O alcalde burelés confirmou que “rematado, onte ás dez da noite, o prazo de petición de axudas para autónomos e comerciantes que se viron afectados polos peches ocasionados polo Covid-19, andamos nas 120 axudas solicitadas. Agora trataremos de resolvelas o antes posible e dar esas axudas tamén o antes posible. Temos que facer os trámites para comprobar as peticións que se formulan, pero espero que todo o mundo poida acadar aquilo para o que o solicitou”.