Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis de 1.000 persoas pasaron pola oficina de turismo de Burela en agosto, das que o 25% durmiron na localidade

 Burela, 3 de setembro de 2020. O concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández Rey, fai un balance positivo de mes de agosto no que 1.089 persoas pasaron pola oficina de turismo da vila. A maioría dos visitantes procederon de Madrid, seguidos de País Vasco, Castela-León e Galicia. O edil está relativamente satisfeito cos datos dun verán marcado polo covid-19.
Ramiro Fernández dixo que “dende a Delegación de Turismo do Concello de Burela xa temos pechado o balance do que foi o mes de agosto turisticamente. Evidentemente foi un ano especial, temos que ter en conta que o mes de xullo foi practicamente perdido debido ao confinamento que sufrimos aquí en Burela, un confinamento especial que a verdade que nos prexudicou moitísimo a nivel turístico e evidentemente os números non son os que esperábamos nin moito menos. De feito, as expectativas para este ano eran que seguísemos medrando nunha porcentaxe importante, pero a pandemia está condicionando toda a nosa vida e evidentemente o turismo tamén”.
O edil socialista manifestou que “en todo caso, no mes de agosto estamos relativamente satisfeitos coa ocupación que tivemos aquí en Burela e coas visitas. Acabamos de facer balance deste mes de agosto, tivemos 1.089 visitas na oficina de turismo. É un número inferior ao del ano pasado, pero tendo en conta as circunstancias estamos relativamente satisfeitos. Desas 1.089 visitas 268 pernoctaron en Burela, o que supón 25% das consultas realizadas na oficina de turismo. Iso quere dicir que a xente non se queda nun so lugar da Mariña, móvese dun lado para outro, e tenta coñecer varios sitios da comarca”.
O concelleiro de Turismo dixo que “da maioría das visitas, un 42%, eran da Comunidade de Madrid. Tamén destacar a presenza de visitantes do País Vasco e tamén tivemos moitas visitas de Castela-León. Basicamente eses son os grupos que máis nos visitan, incluídos tamén os galegos”.
Fernández Rey engadiu que “este foi un ano especial, no que houbo que capear o temporal como puidemos e esperamos poder traballar de cara ao ano que ven, esperando que á pandemia se lle poña solución, que seguramente vai ser bo para todos, e esperamos que no 2021 as expectativas melloren e vamos a traballar xa de cara ao ano que ven, facendo campañas potentes para poder atraer outra vez o turismo que estaba habendo aquí nestes últimos anos”.
O edil burelés finalizou lembrando as festividades que non puideron realizarse: “esperemos que as festas, como a Feira do bonito, que no se puideron celebrar, poidan celebrarse no 2021, incluídas outras festas e celebracións de Burela, que este ano non puidemos realizar por responsabilidade”.

Exit mobile version