O rexedor municipal focense manifesta que “é o momento de que Liberty House se faga cargo de Alúmina-Aluminio. A venda tense que producir xa, Alcoa non pode poñer máis atrancos. Están todos de acordo: Goberno de España, Xunta de Galicia e sindicatos. Hai unha proposta seria dun grupo industrial serio, como é Liberty House, para seguir fabricando aluminio na Mariña. Ademais, o proxecto enerxético de Liberty é viable, así o aseguran tamén os sindicatos”.
Fran Cajoto engade: “o que non se pode permitir é que a estratexia dunha multinacional como Alcoa poña en perigo unha fonte de emprego estable e de calidade na Mariña. Non é de recibo que coas facilidades que obtivo na compra de Inespal agora a empresa queira poñer atrancos: toda a presión está na banda de Alcoa. Espero sinceramente que Liberty e Alcoa cheguen a un acordo canto antes. Foz xógase moito, todos comemos do aluminio”.