Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG acusa ao Partido Popular de empregar a crise da Covid 19 como pretexto para seguir deteriorando a sanidade e o ensino públicos

Lugo, 29 de setembro de 2020. O BNG considera que o Pleno provincial puxo de manifesto “a intención do PP de empregar a crise da Covid como pretexto para seguir deteriorando a sanidade e o ensino público”. Así, interpreta a formación nacionalista o posicionamento dos deputados populares ante as mocións debatidas este martes a respecto da situación dos centros de saúde e dos centros educativos.
Os conservadores votaron en contra dunha moción do BNG na que se reclamaba ao goberno galego “a reactivación da atención presencial na Atención Primaria, co persoal e as medidas de prevención dos contaxios precisas para garantir unha atención sanitaria digna á poboación”. Na súa defensa da moción, que saiu adiante co apoio do PSdG, a deputada nacionalista e vicepresidenta da Deputación urxiu á Xunta de Galiza a “atender as demandas dos doentes e do persoal sanitario” e “ retomar as citas presenciais para ofrecer unha atención sanitaria de calidade á poboación”.
Puxo o acento na situación “das persoas de maior idade e que viven soas, que teñen dificultades para acceder a Internet ou para a comunicación por teléfono. A atención directa e presencial nos centros de saúde é fundamental para a calidade de vida destas persoas”.
Ante o argumento do deputado popular Francisco Balado, que se escudou na pandemia para reducir drasticamente a atención presencial nos centros de saúde, Maite Ferreiro pediu aos representantes do Partido Popular na Xunta de Galicia “que asuma ás responsabilidades para as que foron elixidos e xestionen, porque non o están facendo”, reprobou.
Na mesma liña, se pronunciou o voceiro nacionalista Efrén Castro, que defendou unha proposta do goberno provincial para “reclamar que a Xunta de Galicia asuma o custo das labores de desinfección derivadas da pandemia da Covid 19 nos centros educativos”, que tampouco tivo o respaldo dos populares.
“A Xunta non asume ningunha responsabilidade. Limítase a disparar para abaixo. A descargar as responsabilildades nos concellos, nas familias, en quen pase por alí. O que esconde esa retórica é que vostedes non queren investir nin un só euro no ensino público”, sentenciou Castro.

Apoio ás demandas de transporte público das familias da contorna de Lugo
O BNG tamén impulsou como proposta do goberno provincial unha moción para pedir a Xunta de Galiza que ofreza ao alumnado de secundaria do rural un servizo de transporte público compatible cos horarios de tarde que se estableceron nalgúns centros educativos por mor da Covid 19. A deputada Maite Ferreiro pediu ao goberno galego que “poña os servizos precisos para que as rapazas e os rapaces de concellos rurais accedan aos estudos secundarios nas mesmas condicións e coas mesmas garantías que se vivisen nunha vila grande ou nunha cidade”.
O pasado 25 de setembro, a vicepresidenta da Deputación de Lugo e a parlamentaria do BNG, Olalla Rodil,  mantiveron un encontro con nais e pais do alumnado de Portomarín que acoden a recibir aulas de Bacharelato ou Formación Profesional  á cidade de Lugo, afectados polos cambios organizativos por mor da COVID-19.

Exit mobile version