Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG reclamará á Xunta que retome a atención presencial nos centros de saúde

Lugo, 25 de setembro de 2020. O grupo provincial do BNG presentou unha moción para esixir á Xunta de Galicia que se retome “a atención presencial nos centros de saúde”, reducida drasticamente co “pretexto” da alerta sanitaria provocada pola Covid 19.
A formación nacionalista pide o apoio dos grupos provinciais para reclamar ao goberno galego a reactivación da Atención Primaria, “co persoal e as medidas de prevención dos contaxios precisas para garantir unha atención sanitaria digna á poboación”.
O BNG critica que a “Xunta de Galicia utilice a pandemia da Covid 19 como excusa para restrinxir o acceso á sanidade pública e deteriorar a calidade do servizo que se presta á poboación” e advirte das posibles consecuencias sobre a “saúde pública”.
Segundo sinalou o voceiro provincial, Efrén Castro, a dificultade para concertar unha cita presencial “está xerando que cada vez máis persoas estean acudindo á sanidade privada e xerando desprotección entre a poboación con menos recursos. Tamén entre as persoas de maior idade, con menos facilidade para o acceso e o manexo das novas tecnoloxías”.
“A resposta á situación de pandemia non pode estar baseada en incrementar as restricións de acceso á asistencia ao sistema público, porque pode levarnos a un problema de saúde colectiva, de cronificación de patoloxías”, advertiu.
A moción nacionalista tamén incide na necesidade de “dotar de máis persoal e medios a Atencion Primaria, que arrastra máis dunha década de recorte do Partido Popular”. Nesa liña, o voceiro provincial criticou a decisión da Xunta de Galiza de centralizar no centro de saúde de Fingoi a atención a toda a poboación do concello de Lugo, preto de 100 mil persoas, os sábados.
“Por un lado reducen drasticamente a atención presencial, co argumento da prevención de contaxios e por outro, xuntan nun único centro de saúde como o de Fingoi a atención a todas as persoas do concello de Lugo”, sinalou Efrén Castro.

Exit mobile version