Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG volverá reclamar a intervención de Alcoa para manter os postos de traballo e a produción de aluminio en San Cibrao no Pleno provincial

 Lugo, 27 de setembro de 2020.- O grupo provincial do BNG volverá reclamar a intervención pública de Alcoa San Cibrao no vindeiro da Deputación de Lugo, previsto para o martes 29 de setembro.
Ante a posibilidade de que fracase a negociación para a venda da factoría, que tiña como data límite o 27 de setembro, a formación nacionalista volverá levar ao pleno provincial unha moción na que solicita que “as administracións do Estado e galega aposten pola intervención pública para a nacionalización da planta de aluminio, de forma que se garanta a continuidade da actividade e dos postos de traballo”.
A proposta lembra que “nin o marco normativo galego, nin o do Estado español, nin o da Unión Europea impiden a nacionalización de Alcoa” e que “polo tanto, esta solución so precisa da vontade política das administracións públicas”.
O BNG xa levara unha moción para solicitar a intervención pública de Alcoa ao Pleno provincial o pasado mes de xuño, obtendo daquela o apoio de todos os grupos políticos.
“Estamos nun momento decisivo do conflito. Se Alcoa non vende as instalacións, o Estado debe intervir para evitar a parada das cubas e o despedimento dos 1.000 traballadores ameazados polo Ere da multinacional estadounidense. As traballadoras e traballadores seguen loitando polo seu futuro e polo da Mariña, e desde o BNG seguiremos empregando a nosa representación institucional para reclamar ás administracións competentes que protexan os postos de traballo e a produción de aluminio en San Cibrao”, apuntou o voceiro provincial Efrén Castro.
Ademais da intervención pública, a moción reclama que “o Estado aprobe un Estatuto do Consumidor Electrointensivo, que garanta un prezo estable, predecible e asumible”, a “creación dunha tarifa eléctrica galega, que permita abaratar o custo da electricidade tanto para as empresas como para os particulares” e “un plan de reindustrialización de Galiza, que garanta desenvolvemento, xustiza social e benestar”.

Exit mobile version