Dende que o gromo de COVID-19 que afectou á Mariña se deu por superado, deixaron de celebrarse as reunións periódicas con Sanidade e os concellos da comarca deixaron de recibir os datos diarios de afectados en cada municipio.
A pesar de non recibir esta información diariamente, a alcaldesa, María Loureiro, está en contacto permamente co Centro de Saúde de Viveiro, coa Xerente do Hospital da Costa e coa Xefa Territorial de Sanidade para coñecer en todo momento a evolución da situación e o número de afectados no Concello de Viveiro.
Tendo en conta a información dispoñible ao respecto, dende o goberno municipal quérese transmitir aos veciños e veciñas unha mensaxe de tranquilidade, pois a situación na comarca e no municipio é relativamente boa.
É certo que continúan aparecendo casos de positivos, pero estase a actuar rápido para rastrear a todos os contactos directos e, afortunadamente, os casos que está habendo evolucionan favorablemente. Neste sentido e segundo a información facilitada, cómpre informar que dende o 22 de agosto no concello de Viveiro hai 7 afectados, dos que 2 casos son importados.
En todo caso, dende o Concello de Viveiro síguese pedindo que se cumpran estritamente todas as medidas establecidas polas autoridades competentes, ao tempo que se advirte que este concello continuará realizando unha intensa labor de vixiancia e control en aras a garantir o seu cumprimento por parte de veciños e visitantes.