Loureiro mantivo unha reunión de traballo, solicitada pola alcaldesa, no Concello de Viveiro coa presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, na que se trataron moitos temas polas numerosas infraestruturas e competencias que ten o organismo autonómico en Viveiro.
“Falamos tamén da posible eliminación das vallas que separan a avenida de Ramón Canosa do Casino e do porto deportivo, continuando coa nosa idea de abrir Viveiro ao mar”, explica a alcaldesa, “ademáis das demandas da frota de baixura e da necesaria actuación na zona da praia de Celeiro, que debe incluír beirarrúas, iluminación e un novo aparcadoiro”.
En opinión da alcaldesa de Viveiro, “foi unha reunión positiva, esperamos que pronto haxa resultados e quedamos en manter novos encontros de traballo a curto prazo, pola convivencia que hai entre a vida portuaria e as dos nosos veciños e veciñas”.