Site icon Crónica3.com A Mariña

O GDR Terras de Miranda presenta a terceira actividade, Cultura entre as Mans, no Concello de Mondoñedo

 Mondoñedo, 17 de setembro de 2020. O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras de Miranda celebrará o vindeiro venres 25 de setembro do 2020 ás 17:00h a terceira actividade dentro do marco do proxecto “Impulso e promoción de experiencias á beira do Camiño de Santiago no territorio comprendido polo GDR Terras de Miranda”, subvencionado dentro do programa O Teu Xacobeo. Este proxecto afectará directamente aos concellos polo que atravesa o Camiño do Norte: Ribadeo, Barreiros, Lourenzá, Trabada e Mondoñedo e indirectamente aos concellos restantes que compoñen o GDR 01 Terras de Miranda.

As diferentes actividades teñen como obxectivo destacar a riqueza cultural, natural e humana vinculada co Camiño de Santiago na Mariña Lucense. Con isto preténdese divulgar e promocionar os diferentes recursos localizados neste territorio para o desfrute e coñecemento tanto da poboación local como para os visitantes.

A terceira actividade terá lugar no Concello de Mondoñedo. Comezará cunha visita guiada ao Barrio dos Muíños, onde se atopan os antigos talleres artesáns dos ferreiros e oleiros do lugar. A continuación realizarase unha visita ao taller do canteiro, onde se realizará un obradoiro, no cal os participantes poderán presenciar in situ como o artesán realiza a súa actividade.

Ademais, debido á situación xerada polo COVID-19 levaranse a cabo unha serie de medidas de prevención para limitar o risco de contaxio entre os asistentes coma a organización en grupos reducidos e a utilización da máscara e do xel desinfectante.

Todas as actividades levadas a cabo neste proxecto son totalmente gratuítas e teñen prazas limitadas. Para mais información, pode contactarse con terrasdemiranda.turismo@gmail.com ou no 673 472 735.

Exit mobile version