Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP quere que o Concello de Foz organice cada ano a Gala do Deporte

 Lugo, a 22 de setembro de 2020. O grupo municipal do PP considera que Foz ten que crear a súa gala anual do deporte. O portavoz popular, Javier Castiñeira, anuncia a presentación dunha moción de urxencia no pleno da corporación para que o equipo de goberno local empece a traballar na preparación desta gala.
Castiñeira sinala: “A petición do club de atletismo Ría de Foz, que recentemente renovou a súa directiva, coa que tivo unha reunión o PP, presentaremos unha moción urxente no pleno da corporación municipal na que solicitaremos do equipo de goberno que organice a gala anual do deporte focense”. Destaca que “xa hai moitos concellos que teñen esta gala e Foz é un concello con ampla tradición deportiva; son moitos os clubs, deportistas individuais e asociacións que durante todo o ano traballan e logran grandes éxitos no atletismo, no piragüismo, etcétera”.
Os populares consideran que a gala “sería unha motivación máis para todos aqueles que practican deporte ben federado ou de forma afeccionada e que son exemplo para outros moitos”. O obxectivo é recoñecer a traxectoria de deportistas focenses, o traballo diario e todos os valores propios do deporte, que están moi arraigados no carácter focense”.
Castiñeira sinala: “Esperemos que todos os grupos apoien esta moción e o goberno local se poña a traballar nesa gala anual do deporte”. Para a aplicación desta proposta, di Castiñeira, “non é necesario moito investimento; só se trata de xuntar ao mundo do deporte, falar de deporte e recoñecer a traxectoria e o bo traballo que fan os centos de deportistas que hai no noso concello”.

Exit mobile version