Site icon Crónica3.com A Mariña

O Presidente reforzará o liderado da Deputación de Lugo na captación e xestión de fondos europeos para que cheguen aos concellos máis pequenos

Lugo, 17 de setembro de 2020. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este xoves na conferencia de alcaldes e presidentes provinciais que organizou o Eixo Atlántico no Teatro Principal de Pontevedra co fin de abordar as fórmulas de recuperación socioeconómica fronte á crise provocada pola pandemia da Covid-19 e, en concreto, as accións necesarias para financiar cos fondos europeos para a reconstrución.

Durante o encontro, ao que asistiron unha trintena de alcaldes e alcaldesas da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, José Tomé subliñou que estes recursos da UE só serán realmente efectivos se a súa distribución atende á realidade demográfica e ás características do territorio, algo para o que resulta fundamental o papel das deputacións. Deste xeito, o Presidente destacou que reforzará o liderado da Deputación de Lugo na captación e xestión do financiamento europeo para que chegue aos municipios máis pequenos pois estes, debido ás súas características técnicas, de persoal ou económicas, teñen difícil acceso.

Neste senso, o Presidente expuxo a necesidade de impulsar proxectos europeos “dende unha visión estratéxica do país, pegados á realidade, que nos axuden a aproveitar e desenvolver as potencialidades da provincia e que contribúan a saír reforzados da crise socioeconómica e sen deixar a ninguén atrás”.

Tendo en conta as particularidades da provincia de Lugo e o papel de liderado e de cooperación cos concellos que quere seguir xogando a Deputación de Lugo, José Tomé compartiu co resto de autoridades e expertos as liñas estratéxicas de actuación que propón para financiar cos fondos europeos de reconstrución, baseadas nunha recuperación transversal que aposte polo equilibrio do territorio. Son as seguintes:

1. Desenvolvemento dun plan de reactivación do emprego e da actividade económica. “Especialmente dirixido ás PEMES e aos autónomos; á industria, tanto para recuperar a que se viu afectada pola crise como para impulsar novos modelos produtivos; e, sobre todo, ao sector primario, a través de xeración de valor engadido, da diversificación e da comercialización de produtos de proximidade”, explicou o Presidente.
2. Posta en marcha dun programa de cobertura dixital a través de infraestruturas tecnolóxicas avanzadas. “Especialmente no medio rural e nas zonas de sombra existentes na actualidade co obxectivo de garantir a igualdade de oportunidades, reducir a fenda dixital e facilitar a todas as persoas o dereito universal de acceso a Internet”, subliñou Tomé Roca.
3. A promoción do territorio ligado ao turismo. “É unha oportunidade para saír fortalecidos da crise. A aposta por un turismo de calidade, sostible no tempo e vinculado á paisaxe, á gastronomía e á cultura ten que ser un eixo dun plan de actuación transversal que, ao mesmo tempo, debe promover a mellora das comunicación da rede viaria local para facilitar a mobilidade entre as diferentes zonas singulares da provincia”, explicou o Presidente.
4. Plan de saneamento colectivo para os núcleos que carezan desta dotación pública básica. Tomé Roca explicou que “a dispersión poboacional da nosa provincia é unha realidade, e nin se pode medir en termos económicos, nin pode ser unha escusa para non dotar con infraestruturas básicas aos núcleos rurais”.
5. Actuacións decididas para a protección, rexeneración e aproveitamento sostible dos recursos naturais singulares da provincia de Lugo. “Deben estar apoiadas na concienciación e nunha actuación directa na promoción e a implantación das enerxías limpas en todas as fases dos procesos produtivos”, indicou o Presidente.
6. Impulso dunha estratexia real para facer fronte ao reto demográfico, ó despoboamento e ó progresivo envellecemento da poboación. Para elo, “é preciso complementar a actual rede de servizos públicos sociosanitarios de proximidade existente na provincia”, afirmou Tomé Roca.

Exit mobile version